Rosana Pérez critica que Fomento pretenda "combater as néboas na A-8 cun novo radar"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara dirixida a Fomento para criticar e cuestionar que pretenda “combater o problema das espesas néboas o Alto do Fiouco na A-8 coa instalación dun novo radar e cámaras de vixianza”.

“Está o Ministerio de Fomento a barallar a posibilidade de ubicar un segundo radar na A-8 como solución ao grave problema das néboas no tramo da autovía situada entre Mondoñedo e Abadín? Non cre que situar un novo radar é unha auténtica tomadura de pelo para os habitantes da zona que levan un verán de constantes cortes e peches ao tráfico da A-8 debido á ineficacia do Ministerio que non actuou con previsión o ano anterior?”, son algunhas das cuestións que formula a Fomento.

O Ministerio marea a perdiz

Rosana Pérez advirte ao Ministerio de que “resolver un problema que depende das especiais condicións meteorolóxicas existentes na zona, con medidas sancionadoras e punitivas, raia o surrealismo”. A deputada do BNG alude á información que sinala que Fomento está a barallar a posibilidade de que Tráfico poña en servizo un novo radar de tramo na autovía do Cantábrico, que se sumaría ao xa existente.

Pón de manifesto que o Ministerio adxudicou á empresa Sistema, por 1,7 millóns, o proxecto pendente de sinalización e xestión de tráfico no tramo que vai desde o límite de Lourenzá con Mondoñedo e a ponte dos Santos. Actuacións que prevén a instalación de cámaras de vixianza nun circuito pechado de televisión, panais e tamén un radar de tramo.

A deputada do BNG cuestiona este tipo de medidas que non son a solución ao problema. “O problema é de visibilidade. Sería interesante que o Ministerio deixase de marear a perdiz con temas que son unha perda de tempo e un insulto á pacencia dos habitantes da zona”. Nese sentido, pón de manifesto os numerosos peches da A-8, sen ir mais lonxe, en oito días pechouse catro veces entre Lourenzá e Abadín.

Para Rosana Pérez é “evidente que o Ministerio non ten ningunha vontade de solventar o problema real. Un reflexo diso é a irrisoria cantidade asignada nos Orzamentos do Estado 2016 a este tema: só 200.000 euros, que como moito, serán para estudos”. De novo, a deputada nacionalista volta preguntar polo anunciado concurso de ideas para procurar solucións técnicas.