Rosana Pérez coincide con CC.OO e UGT en que o Goberno debe "pór datas" aos contratos para Navantia
Unha vez rematada a xunta, a deputada do BNG resaltou a coincidencia cos representantes sindicais na diagnose da situación e nas propostas para que o sector naval público saia da situación crítica na que se atopa. Están dacordo co BNG en que o Goberno central debe pór datas concretas e cifras aos últimos contratos anunciados de construcción de buques, tanto os da Armada, un deles para a Navantia na Ría de Ferrol, como o destinado a Cádiz.
Críticas ao oportunismo eleitoral do PP
Rosana Pérez explicou que amosamos as mesmas críticas en canto ao modus operandi do Goberno que anunciou os contratos dos buques da Armada o día previo á apertura da campaña das elecións europeos. Todos os contratos son benvidos pero a inquedanza entre os traballadores permanece porque máis alá dun anuncio non hai datas de inicio das actuacións. Os prazos permanecen no limbo do descoñecemento, o cal preocupa porque as gradas continúan valdeiras.
Os representantes sindicais de CC.OO e UGT coinciden co BNG en que a solución pasa por tomarse en serio ao sector naval e non por aplicar pequenos parches que non permiten arrancar ao sector porque está sometido a continuos paróns na espera de carga de traballo. Cómo pretenden que un complexo industrial da importanza do naval teña un futuro certo e seguro se está dous anos sen traballo? É estas a maneira que ten o PP de levar sectores públicos punteiros que poderían ser líderes mundiais cunha xestión eficaz?.
Consideraron que é urxente proceder á aprobación dun Plan Futuro do sector naval público de Navantia que estabeleza medidas tanto no eido industrial e comercial como no financiero.
Rosana Pérez trasladoulles as últimas iniciativas parlamentares presentadas polo BNG en relación específica a Navantia na Ría de Ferrol con propostas e medidas, que o PP rexeitou como a moción votada en pleno no pasado mes de marzo. A deputada do BNG asegurou aos representantes sindicais que o BNG continuará a trasladar á Cámara todas as iniciativas precisas en beneficio dun futuro para os estaleiros públicos, e en concreto para os situados na Ría de Ferrol, e para un futuro para os seus traballadores.