Rosana exixe a Ana Pastor que "atenda o clamor social de Galiza que pide unha AP-9 gratuita"
O Plan piloto na AP-9 foi unha fraude
A deputada do BNG pregunta á Ministra de Fomento cal é o balanzo que fai do Plan piloto iniciado o 1 de xullo para desviar camións e vehículos pesados a autoestradas aplicando reducións nas tarifas de peaxe. E critica o engano ao sector do transporte de Galiza porque a redución das peaxes na AP-9 non chegou ao 50% cando o Ministerio asegurara descontos desa porcentaxe.
En relación a Galiza o Plan reduciuse aos descontos no tramo da AP-9 de Puxeiros a Porriño-fronteira portuguesa, cunha rebaixa do 35% do importe da peaxe para os vehículos que circulen pola autoestrada e realicen tamén este tramo. Se o vehículo só fai o tramo Puxeiros-Porriño que é o que está concretamente incluido no plan, xa sexa na súa totalidade ou en parte, a redución é do 43,45% do importe total da peaxe, polo tanto, non chega ao 50% de bonificación.
De aí a decepción que cundiu entre o sector do transporte galego, ao que hai que sumar o seu malestar por ter que pagar por unha autoestrada que como dixo o BNG moitas veces, está máis que amortizada. A deputada do BNG reitera a petición que xa é un clamor social para que a AP-9 sexa unha autoestrada libre de peaxe, gratuita e cuxa xestión corresponda a Galiza.
A AP-9 debería ser xa gratis
Nese sentido, Rosana Pérez pón de manifesto as consideracións do sector do transporte que cre discriminatorias as elevadas peaxes que soporta o noso territorio así como a duración da concesión e a falla da alternativas viais decentes. Lembran que catro autoestradas doutras CC.AA da mesma época que a AP-9 van ser gratuitas en catro anos, mentras a AP-9 vai continuar en réxime de concesión até o 2048.
A deputada nacionalista afirma que á luz dos feitos, a realidade é terca, co cal acaba sendo evidente para todo o mundo. Ao igual que o Goberno, tamén terco, pero nos tememos que os seus resortes sexan moi diferentes aos do ben común e que a súa terquedade e obcecación por defender unha concesión ilóxica, e masivamente cuestionada, só obedeza a dar pleitesía aos intereses económicos de determinadas empresas.
Razón pola que critica que o sector do transporte teña que pagar por circular pola AP-9, de verdade, cre que ao sector lle resolver en algo uns descontos de peaxes que non chegan ao 50% e que se atopan entre os mais altos do estado? Que máis necesita o Goberno para pór fin á explotación privada da AP-9? A que se debe esa obcecación cunha concesión que a este paso chega ao século?, son algunhas das preguntas que formula a Ana Pastor.