Rodas pide excluír as cotas de raia para artes menores
O parlamentario criticou o Regulamento comunitario que prohibe pescar raia mosaica e raia branda para que non coincida co apertura da pesqueira da centola
O deputado do BNG Daniel Rodas defendeu na Comisión de Pesca unha Proposición non de lei instado á Xunta a adoptar medidas que impidan capturas de raia para artes menores sometidas a cotas.
O deputado lamentou que o portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro anunciara o voto en contra á iniciativa do BNG amparándose en que Galiza non pode establecer un TAC nesta materia. Para o deputado, unha vez máis o PP pasa dos problemas da pesca e asumen sen rechistar o reparto das cotas entre os diferentes países sen ter en conta a realidade das distintas flotas.
Rodas negou que Galiza non teña competencias en augas interiores pero o PP non ten vontade de facelo ao igual que está ocorrendo coa flota do cerco ao que se lle aplica unha normativa lineal a pesar das diferenzas entre un barco industrial e un artesanal.
O deputado puxo como exemplo artes como o bou que en todo o ano pescan dúas toneladas de raia, cantidades que cualificou de ridículas tendo en conta o lugar onde se desenvolve a súa actividade, as dimensións das embarcacións e as tripulacións. É un pecado dixo, que cando cambian o aparello dos miños recollen catro raias e hai que tiralas ao mar, igual que ocorre co abadexo e a robaliza. É un disparate ter que tirar ao mar o peixe despois de matalo e se existe unha arte que acumula moitas capturas haberá que regulala pero non é o caso da raia.