Rodas pide que compareza a conselleira do Mar pola falta de controis de biotoxinas
Daniel Rodas reclamou a comparecencia de Rosa Quintana, en sede parlamentar, para explicar as razóns da eliminación dos controis durante a fin de semana
O PP votou hoxe en contra dunha iniciativa defendida polo portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas na que reclamaba a comparecencia da Conselleira do Mar, a depuración de responsabilidades e adopción de medidas contra a eliminación dos controis das biotoxinas durante a fin de semana.
O parlamentario nacionalista denunciou que durante a fin de semana non se realizan os controis das biotoxinas iniciando o seu seguimento o martes e no marisqueo o mércores, circunstancia que está a provocar graves prexuízos económicos a todo o sector.
Na súa intervención, Rodas xustificou a comparecencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana en sede parlamentar para explicar o acontecido na segunda semana de outubro, ante o retraso na comunicación do Intecmar dos peches cautelares por biotoxinas nos polígonos de bateas e bancos marisqueiros así como a eliminación das análises da toxina durante a fin de semana.
Para o deputado, a titular de Mar debe pedir desculpas ao sector pola merma económica e trasladar o seu compromiso de adoptar medidas para que a situación non se repita.
Rodas explicou que é a segunda vez que Intecmar non realiza o seguimento, a primeira, lembrou , produciuse en Semana Santa cando no país francés foron detectadas algunhas partidas cuxa trazabilidade non indicaba a necesidade do seu análise e a Administración galega tampouco pediu responsabilidades argumentando que ao Intecmar a situación colleuno por sorpresa cando en realidade, dixo Rodas, a toxina foi detectada no control realizado a viveiros flotantes.
O portavoz de pesca nacionalista tamén se referiu aos informes do Intecmar sobre os polígonos Bueu B, Bueu A2 e Bueu A1 que recomendaban o seu peche por mor da concentración de biotoxinas, situación que logo se repetiu nos polígonos de Cangas.
Daniel Rodas considerou que a situación xerada pola biotoxina resulta tan grave que alguén deberá asumir responsabilidades polo que reiterou que é falso que a toxina entrara por sorpresa e a unha velocidade insospeitada. O deputado do BNG cuestionou o sistema cando ten que ser un comercializador o que de a voz de alarma.
Rodas concluíu a súa intervención solicitando urxencia na adopción de medidas que resolvan a situación dun sector, gravemente prexudicado pola irresponsabilidade da Consellería do Mar.