Rodas:"Mentres o Goberno vasco defende a súa flota no reparto da xarda, a Xunta cala"
O BNG critica a Rosa Quintana por non defender a pesca galega e responsabilizar ao sector de que Galiza sexa prexudicada na negociación do reparto de xarda e xurelo
O portavoz de pesca, do BNG, Daniel Rodas critica as declaracións realizadas pola titular da consellería do Mar, Rosa Quintana nas que responsabiliza ao sector pesqueiro galego da nefasta negociación no reparto de xarda e xurelo.
O parlamentario pregunta que papel tivo a consellería galega do Mar nesta negociación e cal foi a posición do Goberno galego porque o único que coñecemos, explica, é a defensa do Goberno vasco: El Gobierno vasco insta al MAGRAMA a que el reparto interno de cuotas de pesca responda a los intereses de la flota vasca, mentres isto ocorría, engade Rodas, algún alto cargo da consellería do Mar mantíñase caladiño. O Goberno galego exerceu de convidado de pedra.
A Xunta asiste como convidado de pedra ás negociación do reparto de cotas
O BNG denuncia que a máxima responsábel da pesca galega culpe ao sector do cerco por reclamar solucións a súa dramática situación e que o o vindeiro mércores volten de novo a Madrid, de excursión, segundo a conselleira, para continuar coas negociacións. Para o BNG, a consellería do Mar non consensuou co sector unha posición clara que bote abaixo a negociación e defenda dunha vez os intereses da flota galega.
Esta posición pasa por non aceptar como criterio principal o reparto en función das capturas históricas. Hai que lembrar que este criterio favorece descaradamente os intereses da flota vasca, que acapara así o 70% do total de capturas na xarda, o que representa unha auténtica afronta aos intereses galegos.
O computo establecese interesadamente a partir das capturas entre os anos 2002 e o 2011, e debemos recordar que esta pesquería historicamente, era aproveitada principalmente pola flota galega, pero a raíz do esgotamento doutras especies, pasaron a aproveitala flotas que agora reclaman o seu dereito as capturas históricas e foron elas, e non a galega, as que provocaron que a día de hoxe esteamos soportando unha sanción por exceso de capturas Agora resulta que con este modelo de reparto madrileño imposto polos vascos prímase aos últimos en incorporarse a pesquería e aos que pescaron demais.
Outra vez, Galiza sae prexudicada no reparto de xarda e xurelo
Para o deputado, o modelo equitativo de reparto que prima as capturas históricas contrasta co modelo que se leva a cabo noutras artes onde se considera prioritario o reparto lineal entre buques, complementado a diferenza có número de tripulantes e como último a menor porcentaxe tense en conta o reparto en función das capturas históricas.
Ante esta situación, o BNG insta a Rosa Quintana a que antes de embarcarse para Madrid, se reúna co sector e non cos acólitos das federacións, para estudar unha posición de Galiza encamiñada a reclamar un peso proporcional a flota que temos, número de tripulantes e dependencia que as comunidades costeiras teñen da mesma. A modo de exemplo: non é de recibo que tendo no cerco 154 unidades en comparación co País Vasco que ten 53 barcos recibamos a terceira parte.
Rodas, salienta que non podemos aturar por máis tempo un Goberno vergoñento que non defende a nosa flota, que participa nas negociacións mantendo silencio, que permite que outros decidan por nós e que mesa de negociación se impoñan criterios partidarios que restrinxen os dereitos lexítimos de pesca dos galegos.
Os dereitos a pescar de Galiza supeditados a criterios partidistas
Somos a zona de maior dependencia pesqueira de toda Europa, coa maior flota, e co maior número de empregos, pero o Goberno galego nunca estivo a altura para esixir o que nos corresponde.
Nada que ver coa opinión e plantexamento do País Vasco: esta negociación va por buen camino y el Gobierno vasco confía en que entre los criterios de reparto barajados por el MAGRAMA prevalezca la importancia de los criterios históricos mantenidos hasta el presente de manera que los aspectos más ligados al tamaño de las embarcaciones no sean alterados.
Pero é que na negociación do xurelo tamén saímos prexudicados, xa que reduciron o noso TAC nun 27%, (negociación marabillosa por certo para o Goberno galego e o Ministro Arias Cañete, pois ameazaban con reducilo un 40%), aos vascos mantéñenselle as capturas na zona Ciem VIIIb e son compensados coa subida do verdel (estornino ou xarda veteada), un 30% saíndo unha vez máis, claramente beneficiados.
O sector non soporta máis tempo o desleixo do Goberno galego e a inacción da Consellería do Mar
O sector, denuncia o nacionalista, non pode aturar por máis tempo tanto abandono e deixadez do Goberno galego. O sector deixou ben claro que non se poden admitir os criterios desta negociación por ir en contra do sentido máis elemental de reparto xusto.
As negociacións conducen á desaparición do sector extractivo e exemplifica o falso compromiso do Partido Popular con Galiza. Dende o BNG, engade, negámonos a aceptar criterios á carta e ter que renunciar a pescar, rexeitamos que outros pesquen máis, mentres nós amarramos os nosos barcos, queremos poder pescar e garantir o futuro da pesca.