Rodas Feijóo foi a Bruxelas a tapar as miserias que descubriu o BNG"
Daniel Rodas afirmou que o Presidente da Xunta non fixo ningunha xestión para resolver os problemas da pesca galega, foi a Bruxelas só a convidar ao Comisario de Pesca, Karmenu Vella a facer unha visita turística a Galiza
O deputado do BNG, Daniel Rodas, formulou hoxe unha pregunta na comisión de Asuntos europeos relativa ás xestións realizadas polo Presidente da Xunta na súa visita a Bruxelas.
Para o deputado, Feijóo foi a Bruxelas a tapar as miserias que descubriu o BNG en relación á visita realizada polo colectivo de traballadores do xeito convidados pola portavoz do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda onde tras entrevistarse con diferentes técnicos comprobaron que a Xunta non realizara ningunha xestión para modificar o actual reparto de cotas que prexudica á flota pesqueira galega, nin sobre a política de despezamentos fronte a unha maior capacidade para pescar ou denunciar a falta de competencias nos recursos pesqueiros.
Para o deputado, o Presidente da Xunta non defendeu en Bruxelas o sector da conserva, non solicitou a expulsión dos produtos da pesca dos acordos comerciais con terceiros países nin reclamou unha etiquetaxe de orixe para os produtos da pesca transformados, polo que volveu preguntar a qué foi Núñez Feijóo a Bruxelas?
Rodas lembrou que a alarma saltou cando foi publicado o plan de xestión da sardiña que negaba o dereito a poder pescar ao xeito e a Federación de Confrarías remitiu un informe para xustificar a escasa incidencia que este arte ten sobre o recurso. O 3 de novembro, explicou, o colectivo de traballadores do xeito, convidado polo BNG, tivo a oportunidade de entrevistarase coa poñente de Medio Ambiente, Renata Briano e o poñente da Comisión de Pesca, Marco Afronte, confirmando ambos que tanto o Goberno do Estado como a Xunta non enviaran ningún informe polo que descoñecían as características do arte do xeito, e cualificaron de despropósito, a súa prohibición.
Despois da viaxe dos xeiteiros e as denuncias na sede europea, Feijóo viaxou a Bruxelas e puidemos constatar que, unha vez máis, a Xunta minte e en realidade, o Presidente da Xunta foi a tapar as miserias que lle descubriu o BNG. Rodas volveu a preguntar porque non foi antes do reparto de cotas para denunciar que o modelo de reparto sigue blindado pola normativa do principio de estabilidade relativa ou aínda que se melloren os stoks seguimos sen pasar dunha determinada porcentaxe e con especies prohibidas.
O secretario Xeral do Mar defende a xestión de Feijóo en Bruxelas
Pola súa parte, o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro respondeu que Galiza quere cumprir coa normativa europea sen que afecte a estrutura da pesca galega e que a visita de Feijóo a Bruxelas responde a relación de Galiza coa Comisión de pesca que será incrementada nos vindeiros anos.
Na réplica, Rodas defendeu o dereito de Galiza a poder decidir xestionar o FEMP e que non sexa a Unión Europea a que estableza o destino destes fondos para aplicar a súa política de desmantelamento e redución a flota galega, concluíu.