Rodas acusa ao PP de confundir "taxas abusivas" con seguridade
O deputado do BNG instou á Xunta a reclamar do Goberno español modificar o actual modelo por desproporcionado cos ingresos da pesca de baixura
O deputado do BNG, Daniel Rodas lamentou hoxe o voto en contra do Partido popular na comisión de pesca, da Proposición non de lei para modificar as actuais taxas das embarcacións artesanais que cualificou de abusivas.
Rodas explicou que a pesca de baixura xa está a padecer unha grave crise á que ten que sumar as desproporcionadas taxas ás embarcacións artesanais. O deputado lembrou que mentres baixan os ingresos, aumentan os gastos de explotación e o sector xa non pode soportar este modelo impositivo.
Tras a intervención do portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro que avanzou a presentación dunha emenda ao texto nacionalista por considerar que as taxas garanten a seguridade, Rodas replicou que nada ten a ver unha cousa con outra. Vostedes, dixo, privatizan o servizo de salvamento da Xunta e dobran a taxa de faros e sinais para financiar SASEMAR.
O nacionalista tamén criticou que o organismo encargado de aplicar as taxas, nin sequera é galego, está en Madrid e nada saben da nosa realidade polo que recalcou que moitas embarcacións deben cumprir con esta normativa estatal mercando o material de seguridade e cada ano proceder a súa revisión. En moitas ocasións, dixo, este material ten un alto custe pero é obrigatorio.
Ao desembolso para salvavidas, kit de bengalas de auxilio e salvamento, radiobalizas, botiquín, extintores, chalecos autoinchables, revisión de equipo de VHF debe engadirse o custe dos seguros para os tripulantes e embarcacións, mantemento e combustible que fai cada vez máis difícil desenvolver a súa actividade.
Todos os gastos do material de salvamento son estimados polo sector sobre 1.500 euros para unha embarcación de menos de 12 metros ao que hai que engadir as devanditas taxas.
Rodas lamentou que unha vez máis, o PP dera as costas o sector e anunciou que o BNG seguirá presentando iniciativas para un sistema impositivo en función dos ingresos.