Reunión BNG e Anova de cara a conformar unha coalición unitaria galega
Dentro da rolda de contactos con forzas nacionalistas de esquerda, o BNG trasladou a Anova a súa proposta de conformar unha coalición unitaria galega ás eleccións europeas co dobre obxectivo de, en primer lugar, acadar que Galiza teña unha voz propia e potente no Parlamento Europeo e, en segundo lugar, contribuír a construír outra Europa que rache co actual modelo neoliberal, dominado pola Troika e polo poder financeiro, unha Europa social e dos pobos que non se dedique a rescatar bancos, senón a rescatar á cidadanía.
Como segundo paso á conformación desta coalición unitaria galega, o BNG propuxo a Anova configurar unha gran coalición con outras forzas nacionalistas de esquerda das nacións do Estado, nomeadamente, de Euskadi e Catalunya, tendo en conta que se trata duns comicios de circunscrición estatal.
O BNG salientou que para defender os intereses de Galiza a mellor fórmula é conformar unha coalición unitaria galega que tamén inclúa a Anova. Neste sentido, o portavoz nacional, Xavier Vence, salientou que o BNG está a facer todos os esforzos posibles para sumar todo o nacionalismo galego de esquerdas na defensa de Galiza en Europa.
Nós temos a man a tendida, pero o BNG non vai pór os intereses de Galiza ao servizo da estratexia electoral de IU, salientou Vence, quen deixou claro que a folla de ruta do BNG a marca a defensa dos intereses dos galegos e das galegas trasteadas pola crise e dos sectores produtivos.
Defender este país e a xente deste país é a folla de ruta do BNG para configurar unha candidatura ás europeas, concluíu Vence, quen encabezou una delegación do Bloque, da que tamén formaron parte o secretario de organización, Bieito Lobeira, a secretaria de Política Internacional, Ana Miranda e a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartín. A delegación de Anova estivo encabezada polo seu portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras, e polos membros da Comisión Permanente da organización, Martiño Noriega e Luis Eyré e a responsable de mocidade, Antía Comesaña.