En resposta a Davila, Gallardón móvese na ambigüedade sobre a cuestión dos partidos xudiciais
Davila deixoulle claro a Gallardón a posición contraria do BNG en relación a esa proposta: Somos contrarios a unha reforma deste calibre porque empioraría a xustiza na Galiza cando é evidente que o camiño non é o da reducción de xulgados. Incluso se precisarían máis.
A portavoz do BNG advertiu que de ir adiante a proposta da Comisión de Expertos asentaríase unha distribución territorial contraria á vertebración do territorio que Galiza precisa, máis acorde coa realidade socio-económica do noso pais, moi alonxado deste modelo provincial decimonónico.
O caso concreto de Vigo
Salientou Davila que no caso concreto de Vigo, hai que sinalar que é a única cidade que non é capital de provincia que triplica a poboación da sede gubernamental. Un caso único no Estado, e mencionou as advertencias de profesionais do ámbito de xustiza que indican que se producirá un auténtico caos. Nesta liña, lembrou a Gallardón as movilizacións e protestas que se están a facer en Vigo, co rexeitamento de asociacións, colexios e decanos de avogados, fiscais, xuices. Incluso o Presidente do Tribunal de Xustiza de Galiza lle trasladou a súa disconformidade.
Non cre que no caso concreto de Vigo é un sinsentido privarlle de partido xudicial?, preguntou ao titular de Xustiza.
Davila dixo ao Ministro que este tipo de propostas están a causar alarma, preocupación, desacordo e outra vez movilizacións en contra dunhas medidas de reforma no ámbito xudicial que insisten en dificultar o acceso á xustiza da cidadanía, encarecéndoa con taxas e agora alonxándoa. A parlamentar nacionalista fixo especial fincapé no caso de Vigo porque de progresar esta idea, cidades do tamaño e das características de Vigo estarán privadas de partido xudicial, o que é un auténtico despropósito á hora de deseñar unha Administración de Xustiza máis cercana á cidadanía e máis útil, sen esquecer os custes que supón para os cidadáns.
A deputada do BNG apelou ao Ministro a reflexionar sobre esta idea porque eliminar os partidos xudiciais e estabelecer un só nas capitais de provincia é un empioramento do servizo á cidadanía. Pediu a Gallardón diálogo coa comunidade xudicial e coas administracións locais e autonómicas. A parlamentar nacionalista alertou ao Ministro de que non continúe polo camiño de realizar reformas contra todos e contra todo. Procure o camiño do diálogo e o consenso polo ben do sistema xudicial.
RESPOSTA DE GALLARDÓN
O Ministro de Xustiza respostou á deputada do BNG que non se vai pechar ningunha sede xudicial, e afirmou que o único que se fixo foi encarregar a unha Comisión de Expertos en marzo de 2012 a elaboración dun Estudo sobre a reforma da Xustiza. Explicou que presentaron un borrador ou proxecto que agora está sometido ao debate de toda a sociedade. Engadiu que os partidos xudiciais continuarán operando igual, sen que se peche ningún.
Mais introduciu a ambigüedade e os interrogantes ao sinalar que o modelo actual está esgotado e que o que imos facer é unha flexibilización da actividade que se faga en cada sede xudicial, e que haberá unha racionalización seguindo un criterio de especialización.