En resposta ao BNG, a Xunta pasa de negar a destrución dun petroglífo a quitarlle importancia

A deputada Ana Pontón lamentou a “incompetencia e desleixo” da Xunta tras escoitar o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo que cualificou de “incidente puntual” os destrozos ocasionados por unha máquina con cadeas na superficie dun petróglifo do Parque arqueolóxico de Campo Lameiro

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta na comisión de Cultura sobre as actuacións do Goberno galego tras a denuncia de destrución dun petróglifo no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro en Pontevedra.

Tras a resposta do Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que a deputada tildou de “mostra de fariseísmo político” e burda “manipulación” por facer lectura dun documento que segundo a parlamentaria debería “enrubialo”, Pontón volveu preguntar se o Goberno abrirá expediente polo acontecido.

Ata onde nós sabemos, explicou, nese parque estaban previstas diversas actuacións de protección e foi precisamente durante o Goberno bipartito, “do que vostede foi asesor” cando se puxo en marcha a infraestrutura para poñer en funcionamento un parque despois de moitos anos de goberno do PP e tamén saberá vostede , lembrou a deputada, que o responsábel de privatizar o parque foi o Partido popular.

Pontón mostrou a súa sorpresa ante o descoñecemento da Xunta do patrimonio do parque, como afirmou o propio Lorenzo e tamén polo incumprimento dun protocolo sen que o Goberno tome algún tipo de iniciativa “nin seguimento”.

Para a deputada, o secretario de Cultura recoñeceu , “coa boca pequena” que só actuaron despois da presión mediática e as denuncias, a “Xunta mirou para outro lado”, e hoxe coa súa resposta, pasaron vostedes de “negar o acontecido” para dicirnos agora que ten pouca importancia porque o dano foi nun gravado máis pequeno que o grande, “este tipo de explicacións o desacreditan”.

Pontón denunciou o incumprimento da Lei de Patrimonio que obriga aos poderes públicos a protexelo en materia arqueolóxica e reiterou que todas as actuacións neste ámbito, deben ser autorizadas pola Xunta. Por outro lado, a propia lei contempla como “infracción grave o moi grave” a destrución total ou parcial de elementos de interese cultural cunha sanción que pode ascender a 150.000 euros.

Finalmente, a parlamentaria volveu preguntar se a Xunta ren previsto incoar algún expediente ou se segue mantendo que danar un petróglifo pequeno “ é irrelevante”.