En resposta ao BNG, o IGAPE admite carecer de previsións sobre Pescanova
A nacionalista Carme Adán reprobou o desleixo do Goberno galego cos traballado@s e viabilidade dunha das empresas máis importantes do tecido industrial galego
A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta, en comisión, ao Goberno sobre as medidas adoptadas ante a situación de endebedamento de Pescanova co fin de garantir os postos de traballo e futuro da empresa.
Pola súa parte, o director do IGAPE, Javier Aguilera admitiu que na actualidade a Xunta continua á espera dos resultados da auditoría externa que se lle está a realizar a empresa e non existe ningunha previsión para actuar dende o Goberno porque confía en que Pescanova saía reforzada desta crise.
Na súa resposta á deputada nacionalista, Aguilera descargou nos administradores concursais as responsabilidades o acontecido e afirmou que a Xunta agarda con esperanza unha solución para esta importante empresa creadora de riqueza en Galiza.
A Xunta non se implica cos traballadores e viabilidade de Pescanova
Adán cualificou de desleixo a actitude do goberno galego fronte á situación da empresa e os seus traballadores e acusou de falta de responsabilidade ao IGAPE por non manter o control necesario dos fundos públicos 42 millóns de euros dos Gobernos Fraga e Feijóo para reflotar a empresa que tamén contou cun plan acuícola galego feito a súa medida, plan, dixo que, afortunadamente foi paralizado e impediu destrozar Touriñán.
Adán reiterou que ademais dos investimentos públicos, hoxe perigan os postos de traballo a pesar da concesión in extremis dun crédito que permitirá seguir xestionando temporalmente a empresa.
Neste sentido, preguntou cáles son as previsións do IGAPE para garantir o futuro de Pescanova e o dos mil postos de traballo na comarca de Vigo así como os indirectos que xera no resto de Galiza.
A deputada alertou do perigo que supón o megacapitalismo no que moitas empresas colocan o seu foco en Pescanova e nas súas cotas de mercado, neste momento, manifestou é posible que dúas ou tres persoas no mundo saquen beneficio dos cartos investidos polos galegos, desapareza un gran número de postos de traballo e Pescanova deixe de seren galega.
O Goberno non pode permanecer como mero espectador. Debe contarnos que fixo, que medidas aplicou e que información ten da maquillaxe das contas, inquiriu.
Na súa intervención a parlamentaria tamén asegurou que é máis fácil que te metan no cárcere por roubar unha caixa de conxelados que por roubar os millóns que sacas nas caixas de conxelados e volveu preguntar polo plan do Goberno a respecto de Pescanova, con que folla de ruta conta se ten contactado co administrador concursal e o comité de empresa e se ten previsto informar de todo isto ao Parlamento, concluíu.