En resposta ao BNG, o Goberno confirma non ter actuado para manter a World Fishing en Vigo
A deputada do BNG, Carme Adán salientou a importancia da Feira para o sector MAR-INDUSTRIA e a cidade de Vigo como sede do evento
En resposta á unha pregunta formulada hoxe na comisión de Pesca e Marisqueo pola nacionalista Carme Adán, o Secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro Cadillo recoñeceu que o Goberno galego non realizou ningunha xestión para manter en Vigo a Feira mundial da Pesca, seguimos agardando que alguén, á iniciativa privada, dea un paso nesta dirección, manifestou.
Ante a cancelación da edición do 2015 da Feira Mundial da Pesca que cada seis anos se celebra na cidade de Vigo, a parlamentaria do BNG reclamou do Goberno galego unha actuación clara para que a cidade olívica recupere a súa sede e a feira non acabe no ano 2016 nun país asiático.
Esta Feira Mundial de Pesca, explicou a nacionalista, ten unha grande importancia para a economía de Vigo e por extensión en toda Galiza. Chegou a congregar a máis de corenta máximos responsábeis ministeriais da Pesca a nivel mundial, o que se deu en denominar a conferencia internacional de Ministros/as de Pesca. Teñen acudido responsábeis da FAO, expertos/as en materia pesqueira e empresas do sector. Ninguén dúbida, dixo, que representa o punto de referencia mundial para todos os axentes implicados na industria da pesca e de grande interese para o sector naval. Na última Feira do ano 2009 estiveron presentes 800 empresas de 51 países e foi visitada por máis de 70.000 persoas.
Adán lembrou que A World Fishing Exhibition naceu en Londres, esa foi a súa sede ata que en 1973 foi trasladada a Vigo, e a partir de 1985 sempre se organizou en Galiza con gran incidencia nos sectores MAR-INDUSTRIA, comercial e hostaleiro.
Nun momento de elevado desemprego, salientou a deputada , é un dislate renunciar a un evento de tal magnitude e proxección internacional polo que volveu reclamar do Goberno galego iniciar as xestións necesarias para que a Feira Mundial da Pesca continúe coa sede en Vigo.