Resgate: Jorquera pide á Xunta que non tolere novos despedimentos en NGB
O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, demándalle ao presidente da Xunta que non tolere máis despedimentos en Novagalicia Banco, xa que miles de postos de traballo na entidade financeira están en risco coas condicións impostas para o rescate aos bancos do Estado español.
Jorquera fixo este emprazamento á Xunta após manter un encontro con delegadas e delegados sindicais de Novaliciabanco e empresas auxiliares e participadas por esta entidade financeira.
O candidato nacionalista compareceu ante os meios na compaña de Clodomiro Montero, secretario de CIG Banca.
Jorquera emprazou tamén ao Goberno español a que esclareza de vez as condicións impostas por Bruxelas ao Estado no rescate. «Estamos ante unha intervención práctica do Estado español, con perda de soberanía», puxo en destaque o tamén portavoz do BNG no Congreso.
No encontro coas e cos sindicalistas de NGB tomaron parte tamén a secretaria de Organización e o secretario de Acción Social -Montse Prado e Rafa Vilar, respectivamente, así como o deputado Henrique Viéitez.
É inaceitábel que as axudas públicas a banca teñen como condición que se destrúan postos de traballo
Francisco Jorquera advertiu de que o proceso de reestruturación financeira consecuencia do rescate bancario vai ter para Galiza uns custos totalmente inaceptábeis en materia de emprego, un país que está camiñando cara as 300.000 persoas en paro, marcando un récord histórico.
Neste sentido, o candidato do BNG á presidencia da Xunta cualificou de inaceitábel que existan axudas públicas á banca vinculadas á destrución de emprego, que no caso de Novagalicia Banco dependen nada menos que uns 6.000 empregos. Lembrou que nos tres ERE´s que levan aprobado destruíronse 2.000 postos de traballo e o cuarto ERE que se anuncia pode conlevar unha destrución de emprego aínda maior.
Jorquera criticou que ao mesmo tempo directivos desta entidade, que teñen unha responsabilidade moi grande na situación crítica pola que atravesa NGB, se
O BNG oponse a que se destrúan máis empregos en Novagalicia Banco
Neste sentido, anunciou que no BNG comprometémonos a esixir ao Goberno Central que clarifique as condicións do chamado rescate, no que afecta á destrución de postos de traballo nas entidades financeiras, manifestando a nosa oposición a que estas condicións estean vinculadas á destrución de emprego. Ademais, instou á Xunta de Galiza a que diga alto e claro que se opón a calquera condición que conleve máis destrución de emprego.
Xunta a isto, Francisco Jorquera volveu esixir que se depuren responsabilidades mediante unha comisión de investigación, así xa o fixemos no Parlamento Galego e tamén o fixemos no Congreso dos Deputados, en ambos casos coa oposición do PP.
A Banca Pública Galega é máis necesaria ca nunca
Ademais, subliñou que neste escenario a proposta que fai o BNG de crear un Banco Público Galego que sirva para que o aforro galego se invista no país, non se destrúa máis emprego e non se exclúa a amplos sectores da poboación de acceso a servizos financeiros, ten máis vixencia ca nunca.
O rescate é para garantir as débedas dos bancos españois coa banca alemá, francesa e holandesa
Pola súa parte, o secretario xeral de CIG-Banca, Clodomiro Montero, asegurou que e hoxe hai un problema no sistema financeiro é por unhas normativas laxas e pola falta de regulación pública e criticou que co rescate bancario preténdese transformar a débeda privada en débeda pública, pagando os cidadáns a mala xestión das entidades financeiras.
Ademais, advertiu de que o capital público que se inxecta aos bancos é para garantir as débedas dos bancos españois cos acreedores externos, fundamentalmente a banca alemá, francesa e holandesa.
Como exemplo, informou de que nestes momentos só a débeda que acumulan os bancos españois é de 162.000 millóns de euros coa banca alemá. Polo tanto, -advertiu- estamos ante un rescate encuberto da banca alemá, francesa, holandesa que vai pagar a cidadanía.
Apoio da CIG á proposta do BNG para Novagalicia Banco
No caso concreto de Novagalicia Banco, o secretario de CIG-Banco afirmou que neste momento hai dúas propostas para NGB: unha, a que defende o PP, que non é mais nin menos que é que a cidadanía pague un rescate para que se queden coas nosas antigas caixas de aforros fondos de investimentos norteamericanos ou os grandes bancos do Estado español. Unha medida da que dixo non é un rescate, isto é un calote.
E por outra parte, salientou a proposta do BNG, que como CIG respaldamos, que é a transformación de NGB nun Banco Público Galego. Montero apoiou a proposta do BNG porque se nestes momentos a cidadanía ten que poñer recursos públicos para salvar os bancos, o lóxico é que pasen a ser entidades públicos e que os seus lexítimos propietarios sexan os cidadáns, que son os que as van sanear.
http://youtu.be/e1wIBTn1Xc8