"Rescata os teus dereitos", lema co que o BNG chama a un Día da Patria Galega masivo
A secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, presentou este mércores a campaña do BNG para o Día da Patria 2012 , baixo o lema Rescata os teus dereitos! En Bloque, podemos!, unha campaña que se celebraráde aquí ao 25 de xullo, Día da Patria Galega, para lograr unha participación masiva.
Montse Prado recoñeceu que a a presentación da campaña é antes do habitual pois esta ano queremos facela máis intensa con dobre obxectivo: chamar a un participación masiva e explicar as propostas do BNG.
A secretaria de Organización explicou que o lema ten un dobre significado: fronte aos que propugnan e teñen como único obxectivo rescatar aos poderosos, aos causantes da crise, o BNG ten como prioridade rescatar á maioría social; e fronte a un PP que quere rescatar á banca privada a costa de recortar os servizos públicos, o BNG chama a rescatar os dereitos roubados, e a facelo en Bloque, de xeito colectivo, pois así conseguirémolo.
A campaña será intensiva, con actos en todo o país, e con intervencións tanto do portavoz nacional, Guillerme Vázquez, como do candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.
Chamamos á Galiza que se move a que se sume ao BNG
Ademais, Montse Prado salientou que con esta campaña tamén queremos facer un chamamento a transformar a indignación en actuación, a necesidade de organizarse e de actuar. E para iso -asegurou- chamamos a esa Galiza que se move en defensa do ensino público, da sanidade público, en contra da estafa das preferentes ou contra a reforma laboral a que se sumen ao proxecto do BNG, no convencemento de que este traballo colectivo terá os seus froitos·.
Temos que rescatar os nosos dereitos individuais e colectivos
A campaña do BNG non só busca rescatar os dereitos individuais e senón tamén os colectivos de Galiza como nación. E é que segundo subliñou Montse Prado estamos nun contexto no que hai unha clara recentralización no Estado español, na que coinciden tanto PSOE como PP, e no que cada vez perdemos máis soberanía en favor de poderes afastados e non democráticos. Por iso, asegurou que o BNG reivindica a soberanía para Galiza para poder resolver os nosos problemas, conquistar o futuro e defender a nosa identidade nacional.
Ademais de animar á participación na manifestación do Día da Patria Galega, que sairá ás 12:00 horas da Alameda o día 25 de xullo, Montse Prado tamén fixo un chamamento a participar nos actos de convívio organizados polo BNG, como o FESTIGAL.