Renda mínima europea para evitar a exclusión social de 85 millóns de pobres na UE
O BNG forma parte dos promotores no Parlamento Europeo da creación dun grupo de traballo constituído co obxectivo de elaborar e aprobar unha proposta de renda mínima europea para garantir a supervivencia das persoas en situación de maior precariedade. Como figuraba no programa electoral da formación nacionalista, a pretensión é impedir os actuais procesos de empobrecemento de amplas capas da poboación e asegurar unha calidade de vida digna.
Trátase de usar os recursos dos que dispón a Unión Europea para rescatar persoas, cando menos co mesmo entusiasmo e dilixencia que puxo esta mesma UE en rescatar bancos con miles de millóns de euros procedentes das arcas públicas, subliñou a portavoz do BNG na Eurocámara e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda.
O grupo de traballo quedou constituído con representantes dun total de 16 formacións políticas, entre as que non se atopa o PP. Como primeiro paso, instar á Comisión Europea, executivo comunitario, a presentar unha proposta urxente, tendo en conta que, segundo un recente estudo da propia Eurocámara, a pobreza afecta a 85 millóns de persoas dentro da UE, unha media do 17% da poboación dos países membros, porcentaxe que é maior en Estados como o español, cos menores de 17 anos e as persoas anciáns como colectivos de máis risco.
As vítimas da crise, do roubo e, en xeral, do sistema neoliberal capitalista non poden agardar máis, salientou Miranda, quen aposta por buscar consensos políticos e recursos para que a renda social mínima europea sexa aprobada con urxencia.