Recortes en políticas de igualdade e conciliación nos orzamentos de Vicepresidencia para 2015
O BNG considera que as cifras dos orzamentos da Consellería de Vicepresidencia desmenten que o incremento do 16,8%, - o máis elevado de toda a Xunta cun 16,8%-, se deba a programas de carácter social e denuncia as significativas caídas das partidas destinadas a políticas de igualdade e de conciliación familiar. Nun primeiro caso, desde 2009 os recursos para igualdade pasou de 31 a 5,8 millóns de euros e o programa de conciliación familiar cae de 5,2 a 1,2 millóns de euros.
A deputada Tereixa Paz argumentou con estes datos as críticas do Bloque ás contas presentadas por Alfonso Rueda no Parlamento que, dixo, apostan por unha sociedade segregada, perpetuando roles, financiando aos centros que segregan por sexos. Fronte ao recorte en igualdade e conciliación familiar, medran os gastos en altos cargos e persoal de gabinete, dos departamentos de dirección, asesoramento xurídico.
Paz tamén cuestionou a distribución dos recursos para emerxencias, e comparte cos traballadores e traballadoras destes servizos a valoración de que non hai unha estrutura axeitada nin ben dimensionada, nin se garante unha igualdade na prestación dos servizos ao conxunto da cidadanía. Neste sentido, pediu que se cumpra a Lei de Emerxencias homologando tantos as condicións laborais como a prestación do servizos en toda Galiza.
Chiringuito FGE
Na dimensión exterior, a deputada do BNG considera que é insuficiente e non está acorde coas necesidades reais do país. En concreto, criticou que Galiza non teña unha auténtica oficina administrativa da Xunta en Bruxelas, pois é alí onde se xogan moitos dos intereses estratéxicos dos nosos sectores produtivos, e se deixe a representación en mans da Fundación Galiza Europa, un chiringuito que se nutre a base de persoal precario.
Finalmente, Paz concedeu a Rueda un suspenso en autogoberno, posto que foi incapaz de acadar nin unha soa competencia máis para Galiza. Nese tema, non abriu vostede a boca, concluíu.