Prospera a proposta do BNG para impedir aos MERCAS seren punto de primeira venda
O deputado do BNG, Daniel Rodas instou ao Goberno galego a emprender accións reais que impidan esta medida contraria a realizar a venda nas lonxas porque prexudica á flota galega
O deputado do BNG, Daniel Rodas asegurou hoxe na comisión de Pesca que, o borrador do Real Decreto permitirá autorizar aos MERCAS converterse en puntos de primeira venda de produtos pesqueiros desbancando, deste xeito, o modelo das lonxas galegas ao entregar ás grandes comercializadoras as capturas procedentes de augas continentais, marisqueo, acuicultura e produción e recolección de algas e argazos.
Para o deputado, a futura normativa beneficiaría a buques que faenan en terceiros países aos que nos se lles esixe a documentación que si é requirida a flota galega que perderá competitividade e mercado.
Rodas asegurou que as recomendacións do borrador do Real decreto, discriminan á flota galega polo que volveu instar ao Goberno a tomar medidas contra a regulación da primeira venda nos Mercas.
O deputado asegurou que o borrador xustifica que as Comunidades Autónomas autoricen os Mercas como puntos de primeira venda poñendo na picota o modelo comercializador galego. O peixe procedente do Gran Sol, Namibia ou Arxentina, dixo, xa non será obrigado a pasar polas lonxas galegas porque irán directamente á Plataforma Loxística de Zaragoza ou Madrid para distribuír o produto por toda a cadea do Estado, explicou.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular , Jose Manuel Balseiro anunciou o voto favorable á proposta nacionalista e asegurou que o borrador do Real Decreto é un documento de traballo que deberá agora ser debatido polo sector, dende o PP galego, afirmou, non estamos a favor de moitos dos puntos incluídos no borrador, non nos gustan a novas medidas polo que rexeitamos o seu contido e votaremos a favor da iniciativa do BNG.