O programa marco de consenso permite adelgazar e democratizar as Deputacións provinciais
O BNG considera que esta mesma semana será posible presentar de xeito detallado un programa marco de consenso co PSOE para as deputacións, tras os avances logrados polas comisión negociadoras de ambas formacións políticas que, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, recolle os obxectivos esenciais postulados polo Bloque de adelgazar os entes provinciais e democratizar o seu funcionamento, mentres se avance cara a súa desaparición.
No primeiro aspecto, o documento pactado postula a transferencia de competencias cara a Xunta e cara os concellos mentres que, a segunda cuestión, se traduce sobre todo na redución do presidencialismo a favor da toma de decisión desde os órganos colexiados e limitar ao máximo o uso discrecional de fondos vinculada á figura do presidente/a.
Igualmente, acordos para que a distribución dos recursos ser realice con criterios obxectivos, de equidade e de reequilibrio territorial.
Vence subliñou tamén a importancia de visualizar un goberno máis transparente que para o BNG pasa por reducir o protagonismo da Presidencia a favor do conxunto das diferentes áreas das deputacións. E insistiu en que no caso da Deputación da Coruña as outras forzas políticas alternativas ao PP, -Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños-, deben formar parte da negociación do organigrama da Deputación e compartir con eles o programa de goberno.
De feito, o dirixente nacionalista fixo fincapé en que a posición que adopten estas formacións será importante no deseño final do organigrama, que ten que amosar a pluralidade. Deben intervir e manifestar as súas preferencias sobre cal debe ser a composición final dese organigrama da Deputación da Coruña e deben terzar na propia Presidencia da Coruña e expresar cal é o perfil do presidente/a que prefiren.