A presión social das veciñas e veciños de Coristanco dobrega a maioría absoluta do PP
O BNG de Coristanco lidera a reacción social fronte a subida de impostos e taxas municipais
Coristanco é un exemplo da mala praxe de gobernos do Partido Popular. Aquí levamos sufrido á dereita durante décadas, e concretamente o actual alcalde, o sr. Pensado Plágaro, xa durante máis de vinte anos, sempre con maiorías absolutas. A xestión do PP en Coristanco é tan nefasta que hoxe, un concello que non chega ás 7.000 persoas, acumula unha débeda de case dous millóns e medio de euros. E o PP fixo o que sabe: castigar a cidadanía por telos/as elixido, e facerlle pagar (vía rescate aprobado polo ministerio que dirixe o sr. Montoro) unha brutal suba de impostos para corrixir un buraco de dimensións descomunais.
Con todo, o celo que se deu o Partido Popular na aplicación do seu catecismo económico foi incluso excesivo, e exemplifícase de forma sintomática no recibo da contribución, o Imposto sobre Bens Inmobles, que subiu nun só ano, de media, o 75%. O resto de impostos (vehículos, construcións, taxa do lixo...) tamén viviron subas moi significativas.
Malia o plan de rescate aprobarse en maio do 2012, algo do que o BNG informou no seu boletín, o PP iniciou unha carreira contrarreloxo para conseguir o que non poderían conseguir cun procedemento, digamos, ordenado: en pouco máis dun mes modificaron todas as ordenanzas fiscais. Non importou que se saltasen prazos e procedementos, había que facelo e fíxose: convocáronse varios plenos extraordinarios, algúns deles con apenas tres horas de marxe; enviáronse publicacións ao BOP mesmo antes de que o pleno adoptase o acordo en cuestión; publicáronse anuncios o último día do ano; e convocáronse novos plenos extraordinarios na primeira quincena de xaneiro de 2013 para ratificar os acordos anteditos. Seguiuse o procedemento máis atrapallado para conseguir perpetrar o roubo á veciñanza sen que iso mermase as súas perspectivas electorais.
O BNG iniciou, a pesar de todo, o movemento de contestación á suba de impostos. A pesar de que moita xente quixo non ver a realidade (iso non pode ser, como van subir tanto os impostos?, xa están os do Bloque..., dicíannos), a cidadanía máis consciente comezou a mobilizarse. Naquela altura, dentro daquel procedemento exprés, case un cento de persoas, a iniciativa do BNG, presentaron alegacións individuais contra a suba de impostos, algo verdadeiramente inesperado nun concello coma o noso. Con todo, como era de agardar, foi en balde: o PP fixo valer a súa maioría absoluta e tumbou todas as alegacións.
A indignación comezou a medrar nas rúas de Coristanco, pero o BNG, aínda que presentou numerosas iniciativas a respecto da cuestión impositiva ao longo de todo o ano, sabía que o momento importante aínda estaba por chegar.
E chegou, e o BNG estaba preparado. Pasada a Festa da Pataca, o 16 de setembro comezou o período de cobro do Imposto sobre Bens Inmobles, o que máis afecta a todas as economías familiares e, tamén, o que viviu a maior suba (até o 75% de media).
O BNG sabía que este feito ía prender a mecha da revolta en Coristanco, e estaba preparado para estar do lado da xente. O BNG lanzou un novo número do seu Cribo (o boletín local), presentou unha nova proposta de rebaixa de impostos no pleno ordinario de setembro, e comezou a facer chamamentos públicos á protesta.
A finais de setembro, as tres forzas políticas da oposición municipal (BNG, TeGa e PSOE) entenderon que era o momento de encauzar a indignación veciñal e aproveitar esa forza transformadora. Iniciouse unha campaña de recollida de sinaturas, e despois dunha marxe prudencial para que a iniciativa camiñase, presentouse un escrito, asinado polos/as seis concelleiros/as dos devanditos grupos, no que se solicitaba un pleno extraordinario sobre os impostos, pleno que era sabido que o alcalde tiña que convocar por imperativo legal.
O traballo de recollida de sinaturas e mobilización veciñal non cesou, e cando o alcalde convocou o pleno (luns, 21) o BNG puxo en marcha un novo paso na súa campaña: o chamamento á veciñanza para acudir ao pleno.
Así, despois de moitos repartos, despois de pegadas de cartelaría baixo a intensa choiva coa que outubro nos acolleu, despois de máis de 500 boletíns e pregos de sinaturas repartidos por todas as parroquias do concello, despois dun intenso traballo de axitación nas redes sociais (cauce que se demostrou útil, como o demostran a cantidade de veces que se compartiron os pregos de sinaturas, os boletíns do BNG e a nosa cartelaría convocando ao pleno, incluso por xente que avisaba non ser do BNG), chegou o día.
O alcalde retorceuse, tentou negar a maior, quixo tamén negar a vitoria política á oposición, pois impediu que se votase a proposta de resolución do BNG (que pedía un retorno aos impostos do 2012), amparado polo aval da secretaria... pero non puido facer fronte á indignación veciñal canalizada politicamente, que se expresaba nun salón de plenos cheo a rebentar, e tivo que comprometer un novo pleno extraordinario para a semana seguinte para adoptar case idéntico acordo ao que dende o BNG se lle propuña.
Comezan agora dous meses decisivos. A experiencia demostra que a palabra do alcalde non nos merece creto ningún, polo que haberá que vixiar que se dan todos os pasos para que antes de que acabe o ano se aprobe a rebaixa impositiva.
Pero, o que é importante, a lección que hai que extraer: o pobo é quen máis ordena. O BNG soubo ler o momento político, soubo entender a indignación veciñal e canalizala para obter resultados políticos certos. Con todo, o verdadeiro triunfo é da xente de Coristanco: o PP está afeito a desbotar as propostas do BNG, por moi lóxicas e acertadas que sexan, pero non puido negar que tiña a toda a veciñanza organizada na súa contra, e cedeu. Quedémonos con iso, e que a xente aprenda que a súa forza, que a súa mobilización, é quen de derrubar os máis altos muros e os máis insensíbeis gobernos.
O POBO É QUEN MÁIS ORDENA