Prado advirte da perda de peso de Galiza no sector das telecomunicacións ante a desidia da Xunta
O BNG denunciou no Parlamento a inacción política do Goberno galego ante a continuada deslocalización dos centros dos servizos de telecomunicacións, -en particular de Movistar- provocando que unha parte cada vez maior do emprego que se xera en Galiza neste sector sexa precario, mentres o emprego de calidade pasa a cidades como Madrid, Barcelona ou Bilbao onde se trasladan os centros de decisión.
A deputada Montse Prado advirte, ademais, que esta situación afonda na fenda dixital, merma a calidade do servizo, na precariedade das condicións de traballo e mesmo na destrucción de emprego, en particular no caso de Movistar, cuxas decisións teñen unha gran afectación por tratarse do operador de referencia no sector.
Neste sentido, Prado fixo referencia ao peche do centro de decisión que esta multinacional tiña na Coruña para ser trasladado a Euskadi, continuando co progresivo desmantelamento desta compañía en Galiza, nun sector como o das telecomunicacións que é estratéxico en termos ecónomicos e de emprego.
Aproximadamente son 24.000 as persoas empregadas neste grupo de empresas, das que en Galiza hai 1.100, é dicir o 4.17% , mentres representa a nivel do Estado o 6.5% da poboación e o 5% do PIB. Existe un déficit de persoal en Galiza de arredor de 662 profesionais, cando en xuño de 2014 era de 472, explicou a deputada.
Prado chama a atención sobre as consecuencias de que o deseño, a dirección, a organización e a planificación da actividade das telecomunicacións se realicen cada vez máis afastadas do noso país, o que ten como consecuencia deixar a Galiza sen un sector estratéxico, en canto á toma de decisións e ao desenvolvemento económico e de emprego.
Un sistema de xestión cos centros de decisión noutros territorios conduce a un descoñecemento da realidade económica, e mesmo física de Galiza, que se traduce inevitabelmente nunha redución da cantidade e calidade do servizo, nun atraso económico e tecnolóxico, concluíu.