O PP vota en contra de repoñer as primas ás enerxías renovábeis galegas

Carme Adán reclamou do Goberno galego negociar co Ministerio de Industria repoñer as primas en Galiza como xa fixo co Goberno de Canarias

A parlamentaria do BNG, Carme Adán defendeu hoxe na Comisión de Industria unha proposición non de lei demandando do Goberno do Estado a “reposición das primas á enerxías renovábeis en Galiza e a permanencia do sector no territorio galego”.

Os votos desfavorábeis do Partido popular impediron que a iniciativa nacionalista prosperara.

Na defensa da proposta do BNG, a deputada, Carme Adán criticou que o Goberno do Núñez Feijóo decidira de “maneira sectaria e por revanchismo” anular o concurso eólico do bipartito que protexía a Rede Natura da implantación de novos parques e incluía a participación do Goberno galego e propietarios dos montes na participación sobre o capital e facturación.

A derrogación do concurso, dixo, supuxo “a paralización” do sector eólico en Galiza provocando o peche de industrias e a perda de centos de postos de traballo vinculados ao sector nas localidades de Mugardos,Fene, As Pontes, Narón, Somozas...

Por outra banda, as medidas do Goberno de Rajoy supuxeron un importante golpe para as enerxías renovábeis en Galiza. A estratexia do Goberno do Estado impide que “poidamos desenvolver a nosa economía” e o aproveitamento de recursos renovábeis propios e en especial, “freando o desenvolvemento eólico”.

Polo tanto, as enerxías renovábeis e o sistema de primas para o seu impulso, afirmou, seguen sendo utilizadas como “un chivo expiatorio” para subir o recibo da luz.

Adán lembrou que recentemente, fíxose público que as Illas Canarias terán “as primas para renovábeis ante do verán” a través do compromiso do Ministerio de Industria co Goberno canario reiterando a súa petición para que o Goberno galego esixa o mesmo trato para Galiza.

A parlamentaria nacionalista retou aos membros do Partido popular, presentes na comisión, definirse sobre a actual situación so sector eólico polo que preguntou, “están vostedes en contra o a favor das enerxías renovábeis en Galiza”?

Adán lamentou que, unha vez máis, o grupo maioritario na Cámara galega “dea as costas” a un sector paralizado polo Goberno de Feijóo e responsabilice do “déficit tarifario” as primas ás renovábeis en clara aposta polas fontes de enerxía tradicionais.