O PP vota en contra de mellorar as axudas a mulleres vítimas de violencia de xénero
Carme Adán defendeu mellorar as axudas e dar cumprimento á Lei de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. O PP votou en contra de mellorar as axudas ecómicas.
Pleno- A parlamentaria que mostrou un cartaz co lema Tod@s contra o maltrato machista, con maltrato non hai trato, lembrou na súa intervención as mulleres de Velaluz que permanecen en folga de fame dende hai máis de 25 días contra o terrorismo machista.
Adán que aludiu á muller asasinada hoxe mesmo no Estado español elevando a 44 as vítimas de violencia de xénero este ano, denunciou a normalización dunha violencia e desigualdade contra as mulleres que só as accións colectivas e organizadas dos movementos de mulleres, a partir dos anos 70, lograron desvelar.
En tempo de crise económica as mulleres denuncian menos
Grazas a estas accións, dixo, os medios internacionais deron visibilidade a eiva social agochada ata ese momento.
A Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero plasma medidas dirixidas a coordinar e planificar os recursos económicos, de inserción laboral e acceso a vivenda pero a lei encontrábase, dixo, nunha fase inicial de implantación cando a crise modificou os recursos e reduciu as políticas de Igualdade.
Para a deputada, en momentos de crise económica as denuncias das mulleres vítimas de violencia de xénero redúcense por temor a non encontrar emprego e sen recursos .
Esta realidade, dixo, fai que sexa necesario incrementar os esforzos e as políticas de axudas como o salario da liberdade, axudas periódicas que recollan os baremos de convocatorias anteriores, integrar a atención psicolóxica como un servizo de atención primaria, rexistrar no ámbito sanitario os casos de violencia de xénero, impulsar medidas para a formación e o emprego e garantir a atención xurídica e especializada en materia de violencia de xénero.
A deputada instou ao Goberno galego a demandar do Goberno do Estado a creación de xulgados nas cidades galegas que a día de hoxe carecen deles.
Desigualdade, primeira causa de violencia contra as mulleres
Adán reiterou que a desigualdade é a causa da violencia contra as mulleres polo que reclamou non continuar coa redución de fondos para que non aconteza como en Grecia que cerrou todos os refuxios e casas de acollida, non obriguemos ás mulleres a convivir co seu agresor, reclamou.
Na quenda de réplica, tras a intervención da portavoz popular, Julia Rodríguez, Adán afirmou estar contra do capitalismo e o patriarcado e non aceptou as modificacións propostas polo PP á iniciativa nacionalista, por representar novos remendos que non van a raíz do problema que xera a violencia contra as mulleres.
A deputada rematou pedindo utilizar as axudas existentes e melloralas porque non supón ningún incremento orzamentario importante nin vai peligrar o deficit cero e resolverá a situación de moitas mulleres que queren romper co seu agresor.