O PP vota en contra de iniciar un concurso público aberto a investigadores postdoutorais
O deputado do BNG, Cosme Pombo tamén reclamou máis investimento en I+D+i para un maior desenvolvemento socioeconómico de Galiza
A través dunha proposición non de lei, o deputado do BNG, Cosme Pombo instou á Xunta a convocar un concurso público, non excluínte, competitivo baseado en méritos e criterios de calidade investigadora, aberto a todos os investigador@s postdoutorais, independentemente do plan polo que previamente foran contratados pola SUG e garantir a continuidade do colectivo, Ánxeles Alvariño, así como garantir a igualdade de oportunidades, á hora de poder concorrer ás convocatorias públicas de axudas públicas.
A inciativa defendida polo deputado nacionalista foi rexetiada polo grupo maioritario do Partido popular.
Na súa intervención, Cosme Pombo agradeceu o apoio dos grupos da oposición á iniciativa nacionalista á que considerou xusta reclamación da equipa de investigadores Ánxeles Alvariño e lembrou que o BNG xa no ano 2009, no período bipartito, apostou por definir unha carreira científica e de formación pola que Galiza foi recoñecida naquel momento como a comunidade autónoma que máis e mellor apostou polo persoal investigador.
O parlamentario recalcou que esa aposta ía encamiñada a participación a nivel europeo así como reter o talento e traer para a súa terra aos investigadores e investigadoras.
Cosme Pombo lamentou, que unha vez máis, o Partido popular non apoie as reclamacións dos investigadores e investigadoras que si contan co apoio das tres universidades galegas, non reclaman prebendas nin novas prazas, dixo, pero é que a maiores, existe unha orde que exclúe taxativamente a uns investigadores que poden ir a Portugal, Flandes ou Bélxica mentres na nosa terra non os aproveitamos.
Cosme Pombo afirmou que para o BNG, Galiza non pode perder estas tres xeracións de investigadores despois da inversión feita neles e cunha avaliación positiva. Todos os países de Europa invisten en investigación, Alemaña pasou do 2% a un 2,5%, logo un 2,8% e xa camiña cara o 3% mentres nós comezamos nun 0,6, estamos no 0,84 e camiñamos cara abaixo.
Temos potencial e unha importante canteira de investigadores e investigadoras no Ánxeles Alvariño que Galiza necesita para o sector leitero, naval, automoción e a aeronáutica necesario para potenciar os nosos sectores produtivos, a creación de riqueza, o noso desenvolvemento económico e a nosa saúde. O BNG, concluíu, apoiará sempre o talento e a investigación galega.
A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.