O PP vota en contra da proposta do BNG para rebaxar o IVE nas actividades culturais

A deputada do BNG, Ana Pontón denunciou o impacto económico negativo da aplicación do 21% de IVE nas actividades culturais así como o incremento da precariedade e desemprego no sector. Para a nacionalista, a suba do IVE representa un novo “ataque” á Cultura e acusou ao portavoz do PP, Agustín Baamonde, de “pertencer a un goberno de cínicos”

A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe unha Proposición non de lei para poñer en marcha medidas que eviten o impacto negativo no sector cultural pola aplicación do 21% de IVE nas actividades culturais.

Na súa intervención, a deputada incidiu nas consecuencias negativas do incremento de IVE, (do 8% ao 21%), sobre actividades culturais que sitúa ao sector e ao tecido cultural galego nunha difícil posición económica.

A deputada reiterou o seu rexeitamento á suba do IVE aprobada polo Goberno español por decreto lei co fin de garantir a estabilidade orzamentaria cando en realidade, dixo, o que trouxo foi unha suba do imposto en xeral e tamén no ámbito cultural.

As asociacións culturais alertan das consecuencias da aplicación da suba do  IVE na cultura e no emprego

Dende o BNG, manifestou, xa denunciamos que no ámbito cultural o impacto é dobre , en primeiro lugar sobre os axentes da propia cultura e despois na cidadanía que terá maiores dificultades para acceder ás actividades culturais.

A deputada tamén se referiu á cultura galega da que dixo, “ está discriminada dabondo” e coa suba do IVE, “aínda o estará máis” polo que pediu a eliminación deste imposto como tamén reclama o sector cultural.

Neste sentido, aludiu ás diferentes asociación representativas de diversos ámbitos culturais que cualificaron a medida de “mala noticia e paso atrás” porque prexudica gravemente á cultura e provoca destrución de emprego. Por desgraza, afirmou, “vanse cumprindo os peores vaticinios” e o propio Consello da Cultura xa anunciou que a suba do IVE suporía nos petos d@s galeg@s desembolsar 32,7 sete millóns máis para acceder a espectáculos e servizos culturais.

Ademais dos recortes aplicados pola Xunta de Galiza, Pontón tamén se referiu ao informe do Observatorio Galego da Cultura sobre os datos do ano 2012 que reflicten unha caída do 11,6% e a perda de 2.800 empregos cando no resto do Estado español, explicou, a media da perda de emprego cultural sitúase cinco puntos por debaixo da media galega.

O PP, Goberno de cínicos

Na quenda de réplica, a deputada nacionalista recriminou ao portavoz do PP, ter defendido unhas “afirmacións difíciles” de expresar a viva voz no contexto actual. Tiven que facer un esforzo para entender o que dicía, porque “debe ser moi duro pertencer a un goberno de cínicos Sr.Baamonde”, sentenciou.

Finalmente, a deputada lamentou que o PP sega xustificando medidas contra á cultura e a cidadanía e defendendo medidas lesivas como a aplicación da suba do IVE nas actividades culturais.