O PP tumba a Iniciativa Lexislativa Popular para recoñecer e divulgar a obra de Castelao
A escritora Pilar Garcia Negro defendeu que a obra artística, literaria, ensaística e de carácter político de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao poda ser estudada , acessíbel ao público e con presenza no sistema educativo. O PP votou en contra da Iniciativa Lexislativa popular, avalada por máis de 11.000 sinaturas.
A profesora, escritora, estudosa da obra de Castelao e ex-parlamentaria do BNG, María Pilar García Negro defendeu hoxe no Parlamento galego a Iniciativa Lexislativa Popular, avalada por máis de once mil sinaturas, para divulgar e facilitar o acceso do pobo galego á obra dun dos seus compatriotas máis senlleiros, Daniel Rodríguez Castelao.
Diciamos onte que o Parlamento de Galiza debería promover a declaración de Ben de Interese Cultural para o conxunto da obra de Castelao, gráfica, pictórica, literaria, xornalística, doutrinal, ensaística, etc, demandabamos que toda a obra artística de Castelao puidese ser contemplábel, visitábel na súa integridade, pediamos edicións masivas da súa obra escrita e plástica, reclamabamos, un firme compromiso do Executivo galego na socialización do necesario coñecemento e divulgación da obra toda do compatriota que mellor nos representou a todos os galegos no Século XX. Onte, dixo, García Negro, foi hai 16 anos, o 14 de outubro de 1999. A iniciativa que contiña estas demandas foi aprobada por unanimidade, máis padeceu o que poderíamos denominar síndrome de tantas proposicións non de lei no sono dos xustos do arquivo documental desta Cámara.
García Negro: Mal se pode amar o valorar o que non se coñece
A defensora da ILP destacou o valor da historia como alimento fundamental da autoestima colectiva, mal se pode amar o valorar o que non se coñece, afirmou, e no caso de Castelao, estamos a falar dunha ignorancia masiva sobre a personalidade galega contemporánea que máis contribuíu a conciencia social galega e quen mellor representou o noso ser como pobo singular.
Menos mencións protocolarias e máis divulgación da obra de Castelao
Na súa intervención, García Negro criticou a concepción moderna da cultura nacional de mencións protocolares, efemérides ou efemérides ou recoñecemento nominal que obvia a importancia de quen se homenaxea, en alusión aos galardóns concedidos anualmente pola Xunta.
García Negro lembrou que Castelao foi un dos primeiros socios das Irmandades da Fala que en 1918 reunidas en Lugo, aproban e publican o manifesto da Asemblea Nacionalista dirixida ao pobo galego proclamnado a Soberanía estética da nazón galega. Estamos a falar, engadiu, do artista e polifacetico que brilla no debuxo de vocación masiva, na ilustración de libros, na pintura de grande formato, na vanguarda que achega novas técnicas e perspectivas estéticas, do humorista e caricaturista crítico que nos deixou un impagable retrato de Nós en tantas estampas e viñetas. Estamos a falar, do escritor das obras Un ollo de vidro, Cousas, Os dous de Sempre, Retrincos, ou os Vellos non deben de namorarse, do pensador que compón ese libro de libros, Sempre en Galiza. Conferencista, deputado na II República e ministro no Goberno no exilio. Do galego que rescatou o Estatuto plebiscitado en 1936 e que conseguiu que tomase estado parlamentar na sesión de Cortes celebrada en Monserrat en 1038, grazas aquela xestión, recalcou, existe hoxe o Parlamento e a propia Xunta.
O PP vota en contra da Iniciativa Lexislativa Popular
Tras a intervención do portavoz do Partido popular, Agustín Baamonde que anunciou o voto en contra á Iniciativa Lexislativa popular por considerar que a obra e figura de Castelao está suficientemente recoñecida e representada, Pilar García Negro agradeceu o apoio dos grupos da oposición sobre o dereito ao recoñecemento e contemplación da obra de Castelao polo pobo galego e volveu reclamar a catalogación que debe ser traducida en obras utilizábeis polo público en xeral e no ensino.
Na quenda de réplica, García Negro lamentou o novo enterramento perpetrado polo PP da figura de Castelao. Asemade, rectificou ao portavoz do Partido popular a quen tivo que explicar que na exposición de motivos na elaboración dunha lei e na aprobación definitiva é perfeitamente modificábel, eleminábel e sustituíbel por unha outra acorde co articulado.
O PP enterra o legado de Castelao
Pilar García Negro preguntou ao PP porque teima en negar a contemplación dunha obra artística, recluída nunha macronave na Coruña propiedade das antigas Caixa de Aforros e non é trasladada a un museo. O PP reduce a obra de Castelao a unha pequena escolma na que non aparece ningunha liña do Sempre en Galiza.
Grazas ao pensamento nacionalista de Castelao, reiterou, estamos hoxe aquí e os deputados e deputadas cobran un soldo, non pedimos adhesións, reclamamos o seu coñecemento.
García Negro rematou a súa intervención lamentando que o PP rexeitara a ILP para o recoñecemento da obra de Castelao mentres segue enterrando millóns e millóns das antigas pesetas nunha Fundación chea de corruptelas, a Fundación Camilo José Cela.
O BNG mostra o seu apoio a ILP
Pola súa parte, a deputada do BNG, Ana Pontón, tras dar a benvida á Comisión promotora da ILP, reivindicou o "dereito a coñecermos a obra de Castelao" polo pobo galego. A parlamentaria lembrou que son moitas as entidades sociais e culturais que divulgan a figura de Castelao e salientou que a presentación da Iniciativa Lexislativa popular provocou moitos debates e actividades en torno a figura dunha personalidade, dixo, "tan importante para o noso país". Pontón insistiu no legado de Castelao como defensor dos deretios sociais, nacionais, da democracia e das liberdades públicas. O BNG apoia a toma en consideración da ILP porque "racha cunha política errática" e inicia o recoñecemento de todas as persoas que adicaron a súa vida a defender a nosa cultura, a nosa lingua e dereitos democráticos.