O PP tumba unha iniciativa do BNG para garantir os contratos homologados no sector do viño
O Partido popular tumba a iniciativa defendida por Tereixa Paz na que reclamaba ademais o pago da uva entregada polos viticultores nas dúas últimas campañas
A portavoz de agricultura do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe en comisión unha Proposición non de lei para impulsar e incentivar o asinamento de contratos homologados nas diferentes denominacións de orixe e garantir o cobro da uva entregada polos viticultores nas últimas dúas campañas.
A iniciativa nacionalista, apoiada por PSdeG e AGE foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.
Na súa intervención, a nacionalista asegurou que é urxente establecer incentivos para que prosperen os contratos homologados, incentivos, explicou procedentes do IGAPE e da Consellería do Medio Rural.
Sobre a emenda socialista, Paz engadiu a maiores solicitar da Xunta actualización do censo de viticultores e da superficie real dedicada a esta actividade nas denominacións de orixe.
A deputada salientou a relevancia deste sector que representa o 10% do produto final agrario galego e o esforzo dos viticultores, dende hai trinta anos, por incrementar a superficie vitivinícola cun proceso contrario ao do resto do Estado donde foron diminuídas as hectáreas para a produción de viño.
Paz indicou que este proceder, significou unha aposta única para o sector do viño e un grande acerto para producir calidade amparada nas denominacións de orixe cun importante papel dos consellos reguladores.
O produto final agrario, polo tanto, dixo, facilita que o sector sexa moi intensivo e xerador de postos de traballo, de 1 emprego no sector no Estado, créanse 12 en Galiza, apostilou.
Tereixa Paz lamentou o voto negativo do Partido popular á iniciativa nacionalista e asegurou que as cinco comarcas produtoras de viño tamén se sentirán decepcionadas entre as que destacou a das Rías Baixas e do Ribeiro que veñen de experimentar unha importante rebaixa nos prezos.
Dende o BNG, dixo, consideramos que a causa da situación do sector vén provocada pola ausencia de contratos homologados nas denominacións de orixe e lembrou que o conxunto do sector aplaudiu no ano 2005 o inicio destes contratos que por primeira vez daban estabilidade.
A parlamentaria concluíu a súa intervención denunciando que o produtor non sabe a cánto, cómo e por qué concepto se retribúe o se traballo polo que volveu reclamara un cambio de rumbo na política Goberno galego para resolver esta situación.