O PP rexeita recuperar as Unidades de Xestión Forestal reclamadas polo BNG
A deputada do BNG, Tereixa Paz cualificou ao Partido popular de sectario e non ver a necesidade de fomentar a unión dos propietarios e propietarias da terra cun modelo asembleario semellante ás UXFOR
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz lamentou que o Partido popular rexeitara a proposta do BNG para introducir novamente na regulación, modelos de agrupación do tipo das extintas Unidades de Xestión Forestal destinadas á prevención de incendios e dar solución a unidades produtivas a través de parcelas en común de forma cooperativa e participativa dos e das propietarios.
Na defensa da proposición non de lei defendida pola deputada Tereixa Paz na comisión de Agricultura, a nacionalista acusou ao grupo do Partido popular de sectario e de non querer ver a necesidade de fomentar a unión dos propietarios e propietarias da terra a través dun modelo asembleario semellante ás UXFOR.
O PP non restituirá as Unidades de Xestión Forestal
Pola súa parte, o portavoz popular José Manuel Balseiro defendeu a eliminación das UXFOR, creadas polo goberno bipartito, pola falta de solidez e viabilidade. Para o portavoz popular, as antigas Unidades de Xestión Forestal non eran axeitadas nin ofrecían garantías xurídicas polo que anunciou o seu voto en contra a restituír as Unidades de Xestión Forestal ou outro modelo semellante ás UXFOR como reclamaba o BNG.
Na quenda de réplica, Tereixa Paz cualificou as políticas do Partido popular en materia forestal e para o sector de evidente fracaso. Os procedementos administrativos, explicou a deputada,ofrecen garantía xurídica, cos seus trámites, recursos e prazos e ningunha Unidade de Xestión Forestal tiña rematados todos os trámites administrativos pero tamén é certo que existían 45 unidades en trámite coa presentación da documentación ante a administración. O Partido popular que o de prevaricar non lle causa ningún problema, dixo a parlamentaria, cando chegou a Xunta e a pesar de existir un decreto de procedemento administrativo, paralizou as tramitacións administrativas dende o 2009 ate maio de 2010 coa aprobación dun decreto para eliminar definitivamente as UXFOR, iso si que crea inseguridade xurídica, recalcou Tereixa Paz.
A deputada reiterou que o Partido popular non se decata que nos dous millóns de hectáreas que existen en Galiza co 65% de parcelas de propietarios e propietarias particulares de reducido tamaño, hai espazo para que cohabiten diferentes formulas de xestión da propiedade en común pero o Partido popular persiste nunha política forestal e de agrupación do uso da explotación absolutamente perniciosa para o noso país.
A proposición non de lei do BNG contou co apoio dos grupos da oposición pero foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.