O PP rexeita as propostas do BNG para combater a discriminación laboral e salarias das mulleres
Davila defendeu a proposición non de lei do BNG que pedía un Plan Especial para mellorar o acceso e a permanencia das mulleres no mercado de traballo e para eliminar a fenda salarial existente entre homes e mulleres. A deputada do BNG negociou un acordo co grupo socialista e de CIU, que presentaran emendas, pero non aceitou a presentada polo PP porque non concretaba, era ambigua e moi reduccionista. Finalmente, recibiu o respaldo dos demáis grupos agás do grupo popular.
No acordo transaccionado pola parlamentar do BNG, tamén se instaba ao Goberno a incentivar as axudas sociais e servizos públicos, como as que están na Lei de Dependencia, e a accións que permitan avanzar na corresponsabilidade e poder conciliar a vida laboral e persoal. Por último, pedíase un estudo sobre a equiparación das 16 semanas para cada proxenitor por permiso de parternidade e maternidade.
Na súa intervención, a deputada do BNG demandou que a igual traballo, igual salario e aclarou que a igualdade salarial non debe ser só para as mesmas categorías laborais, senón que debe imperar tamén cando o valor traballo é o mesmo. A deputada do BNG aludiu ao Informe da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, titulado: Igualdade de xénero na educación, o emprego e o emprendimento 2012, que destaca que a pesar do importante número de mulleres que se incorporaron ao mercado laboral, teñen mais dificuldades para acceder ao primeiro emprego, máis probabilidades de traballar a tempo parcial e gañar menos que os homes.
Cos recortes a situación laboral das mulleres empiorou
En canto á presenza de mulleres en cargos directivos en empresas ou da Administración, os números falan por si mesmos, dixo: hai 254.200 mulleres fronte a 612.1000 homes en cargos de máxima responsabilidade. Davila afirmou que esta situación é aínda máis desfavorábel para as mulleres autónomas ou emprendedoras que sofren unha fenda salarial entre o 30 e o 40%. E as mulleres que teñen fillos que cobran un 14% menos.
Para Davila, o mercado laboral segue a ser cousa de homes e a igualdade continúa a ser unha meta lonxana. Por iso é importante non opacar este tema. A deputada do BNG alertou sobre as políticas de recortes levadas a cabo por este Goberno que están a empiorar aínda máis a situación das mulleres no mundo laboral. Referiuse á Reforma laboral e á Lei de Dependencia, e as dificuldades para poder compatibilizar a vida laboral coa vida familiar. Neste sentido, salientou o retroceso que se está a producir no ámbito da igualdade debido ao impacto das políticas de recortes.
Tamén recriminou ao PP o retallamento de postos de traballo no sector público. Así, mencionou que os recortes na plantilla pública e a diminución de axudas para o coidado infantil ou de maiores son medidas que danan aínda máis o emprego femenino.