O PP rexeita unha proposta do BNG para derrrogar a LOMCE
O deputado do BNG, Cosme Pombo pediu o apoio da Cámara para presentar un recurso de inconstitucionalidade contra unha lei que invade competencias propias en materia educativa
Pleno.- O parlamentario do BNG, Cosme Pombo instou hoxe á Xunta a demandar do Goberno central a retirada da LOMCE, amplamente rexeitada pola comunidade educativa.
Na defensa da Proposición non de lei, Cosme Pombo manifestou que o BNG sempre mantivo unha postura contraria a aprobación da lei e tras ser aprobada pediu a súa derrogación. O BNG considera a LOMCE nociva para o ensino público galego por invadir competencias propias en materia educativa e por introducir cambios lexislativos que deterioran gravemente a calidade do ensino público.
Dende a tribuna, o nacionalista demandou o apoio da Cámara galega para presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a LOMCE por negar as competencias educativas galegas cando en Euskadi e Cataluña foron defendidas e conseguiron os dereitos lingüísticos vetados pola propia Lei.
A LOMCE, dixo, concitou a maior oposición contra unha lei educativa, foron moitas as protestas, as mobilización, folgas no ensino, a sociedade galega pronunciouse en contra igual que as AMPAS, os sindicatos do ensino, movementos de renovación pedagóxica, estudantado e partidos políticos reclamaron a retirada da Lei e contra as reválidas que nos retrotraen ao franquismo.
Cosme Pombo demandou frear as probas de avaliación, como fixeron en Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela a Mancha, Estremadura, Canarias e Comunidade valenciana agás os cinco magníficos que seguen negándose a derrogación.
Cosme Pombo agradeceu o apoio dos grupos da oposición e lamentou que, unha vez máis, o Partido popular impedira que prosperara a iniciativa do BNG.