O PP rexeita a proposta do BNG para acadar cotas que beneficien á flota do cerco
O deputado, Daniel Rodas defendeu unha moción reclamando unha nova repartición dos dereito de pesca da flota do cerco baixo criterios socioeconómicos como demanda o sector
O parlamentario do BNG, Daniel Rodas volveu criticar hoxe a inacción do Goberno de Núñez Feijóo durante sete anos para acadar cotas dignas para a flota galega do cerco polo que reclamou, a través dunha moción, adoptar medidas cara unha nova repartición dos dereitos de pesca baixo criterios socioeconómicos.
O nacionalista lembrou que durante noventa días a flota do cerco permaneceu acampada nas inmediacións de San Caetano, sede do Goberno, demandando unha solución ao reparto das cotas e escenificando a incapacidade do Partido popular para resolver os problemas da pesca galega.Vostedes, dixo, levan máis de sete anos sen presentar unha soa solución para o cerco, o arrastre, a volanta, os mexiloeiros nin para os marisqueos nin a pesca artesanal. Sete anos, reiterou estragados.
O modelo da Unión Europea non é outro máis que quitarlle aos nosos pescadores poder traballar con dignidade. Dous anos levan os armadores do cerco reclamando un reparto xusto de cotas e pedíndolle ao Goberno galego que faga prevalecer argumentos razoables nas negociacións ao igual que fan os vascos e os cántabros.
O goberno galego segue reaccionar ante os problemas da flota do cerco
Para o deputado, o goberno galego só aportou neste proceso a elaboración dun estudo para defender o sector pero os criterios de reparto foron establecidos por outros, non polos galegos de aí que o 70% foran repartidos en función de dereitos históricos e o resto con criterios socioeconómicos e o resultado non é outro máis que a flota vasca, con 60 barcos acada o 50% do total da xarda e a galega con 150 barcos, consigue o 25%.
Rodas volveu a cuestionar este reparto e preguntou porque hai que ter en conta o período 2002-2012 e non outro ou porque hai que compatibilizar o exceso de capturas do ano 2009-2010 e este exceso, penalizado cunha multa, debemos pagala de maneira lineal como se todos cometeramos esa irregularidade.
O deputado lembrou que os criterios da volanta, o arrastre ou o palangre de fondo poden ser extrapolabas ao cerco e lembrou que a flota de cerco traballa catro días e descansa tres, tomou as medias necesarias para protexer os alevíns cun tope máximo de 500 quilos de xouba.
Daniel Rodas tamén recordou que nove barcos posúen o 34% da cota do xurelo na 8C e 12 barcos acaparan o 33% da cota na 9A, Isto non é razoable.
Pola súa parte, o portavoz do PP, Xosé Manuel Balseiro anunciou o voto en contra da proposta nacionalista por considerar que o Goberno galego defende a pesca galega ao que o deputado do BNG replicou que deben dar pasos para buscar solucións e non seguir afogando a flota, aos comercializadores e frigoríficos. Queremos traballar con legalidade e que os que máis cota teñan non sigan acumulando máis.