O PP rexeita o Plan do BNG para a recuperación da pescada no costa galega
O parlamentario do BNG, Daniel Rodas lamentou que, unha vez máis, o Partido popular non defenda os intereses da flota galega
O parlamentario do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe, a través dunha proposición non de lei, na Comisión de pesca, a elaboración, por parte da Xunta de Galiza dun plan de recuperación da pescada na costa galega.
O deputado lamentou que o portavoz do grupo maioritario do Partido popular, José Manuel Balseiro anunciara o voto en contra da iniciativa do BNG porque suporía a prohibición de pesca para outros barcos, ao que o nacionalista respondeu que non é lóxico que mentres os barcos galegos realizan os descansos preceptivos, as embarcacións francesas ou portuguesas segan desenvolvendo a súa actividade con maiores cotas e con artes que aquí están prohibidas.
O parlamentario reclamaba alternativas aos días que non poidan capturar pescada de xeito que se garanta a actividade de arrastre, da volanta e do palangre a fondo, asemade, demandaba actualizar os informes científicos nas zonas de veda e desove da especie así como un Plan que vinculara a todas as embarcacións que faenan no litoral galego.
Daniel Rodas pediu ao Goberno galego tomar a iniciativa e non seguir na mesma actitude que mantén na mesa da volanta, da que dixo, non se conseguiu nada. Ou se toman medias, dixo, ou o futuro do nosa flota está abocado ao despezamento.Tiñamos 108 barcos de arrastre e na actualidade quedan 69 con 127 días de actividade.
A proposición non de lei do BNG foi rexeitada polo grupo parlamentario do Partido popular.