O PP rexeita as emendas do BNG de rebaixar o IVE en perruquerías, cultura, material escolar e flores

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu esta tarde na Comisión de Facenda do Congreso, as emendas do BNG ás leis de reforma fiscal para tratar de inserir unha fiscalidade máis progresiva e máis xusta.

Davila reprochou ao PP que non se avance nun sistema tributario más equitativo e progresivo, “plantexando un sistema máis equitativo que gravase máis ás rendas máis altas”. Unha das cuestión criticadas pola deputada do BNG é o feito “de que o IVE permaneza intocábel. Non se rebaixou o IVE a pesar de que está a prexudicar a destacados sectores económicos, e recae por igual sobre todas as clases sociais. Son impostos universais que non diferenzan segundo a renda de cada cal, que experimentaron unhas subas espectaculares debido ás medidas adoptadas polo Goberno”.

Un IVE abusivo

Olaia Fernández Davila fixo especial referencia á necesidade de rebaixar o IVE do 21% que se aplica ás perruquerías, sector que pasou do 8% ao 21%. “A suba do IVE neste gremio está a conlevar importantes perdas económicas e de postos de traballo”. Na mesma liña, Davila defendeu a rebaixa do abusivo IVE do 21% aplicado á floricultura, á silvicultura e ás plantas ornamentais. “Un sector de grande trascendencia na comarca do Baixo Miño, que acadou peso nos últimos anos”. Aquí Montoro incumpriu incluso o compromiso adquirido co sector de baixalo “e faltou á palabra dada”.

Na súa intervención na Comisión, Davila afirmou que “o sector produtivo da floricultura, das plantas ornamentais e da silvicultura foron importantes para a dinamización económica e a xeración de emprego, así como no asentamento de poboación en zonas rurais”. Como exemplo mencionou ao Baixo Miño onde se crearon 900 postos de traballo neste eido.

Puxo de manifesto a rectificación do Goberno portugués, que primeiro subiu o IVE neste eido, e logo voltou a baixalo ao 8%. Por qué non rectificar e tomar nota e baixalo?”.

Outro IVE que o Goberno aumentou desmesuradamente, sinalou Davila, foi o aplicado aos productos culturais e ao material escolar. “A decisión de aumentar o IVE desde o 2012 no ámbito da cultura non está a xerar as recadacións que o Goberno presumía”, pero “si está a producir unha contención no consumo da actividade cultural debido ao encarecemento dos prezos”. De igual xeito, o IVE na cultura pasou do 8% ao 21%.

O sector da cultura movilizouse en numerosas ocasións en demanda dunha revisión á baixa do IVE porque está a destruir miles de postos de traballo. Igual de criticábel é “o IVE aplicado ao material escolar porque nun momento de grave crise o último que precisan os país e nais é pagar máis ao inicio dos cursos escolares. Considerou “intolerábel que se pasase do 4% ao 21% no material escolar.

A pesar das promesas do PP, recalcou, Davila “o IVE destes sectores e de productos alimentarios básicos segue polas nubes”.