O PP recoñece "anos de retraso" no Plan de uso e xestión das Fragas do Eume

Ana Pontón defendeu integrar no novo plan as propostas da poboación local e representación social implicada e medidas de compensación económicas a propietarios/as polas restricións do uso das terras

A proposición non de lei defendida hoxe pola deputada do BNG, Ana Pontón sobre a elaboración dun novo Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Natural das Fragas do Eume e a compensación económico a propietarios/as polas restricións de uso, acadou a unanimidade da Comisión e Medio Ambiente celebrada hoxe no Parlamento galego.

Asemade, a nacionalista acadou o compromiso do Partido popular para negociar un novo plan cos sectores implicados no que debe prevalecer “o consenso”.

O PP recoñece a falta de consenso na elaboración do  Plan director do Parque das Fragas do Eume

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Santiago Freire asumiu os erros do Plan director do Uso e Xestión das Fragas do Eume así como “ os anos de retraso” e anunciou a reunión de “grupos de traballo de propietarios e produtores co fin de redactar o Plan de Uso e xestión” que será sometido a un novo período informativo para achegar novas propostas que serán analizadas e valoradas para a súa toma en consideración”, garantindo, afirmou, reunións cos sectores implicados e poboación local.

Na réplica, a parlamentaria denunciou que na actualidade Galiza perde fondos europeos que acaparan outras comunidades Autónomas como Andalucía que recibe o 73% para a conservación de parques polo que pediu que sexan os habitantes os que financien as políticas de conservación das Fragas do Eume.

Vostedes, inquiriu Pontón, “non escoitaron o clamor” das persoas que viven alí nin as súas demandas e anunciou que a iniciativa nacionalista non aceptaría a emenda do Partido popular polo que foron votados os dez puntos na súa integridade acadando finalmente o apoio unánime da comisión de Medio ambiente.

Puntos da Proposición non de lei do BNG aprobada por unanimidade:

“O Parlamento insta á Xunta de Galiza a que no relativo ao Plan de uso e xestión do Parque Natural das Fragas do Eume se apliquen as seguintes medidas e criterios:

1. Favorecer un novo proceso de participación social para a elaboración do PRUX, capaz de integrar os obxectivos de protección e promoción dos valores do Parque coas propostas achegadas pola poboación local, nomeadamente propietarios e representación social implicada.

2. Compromiso de negociación e acordo con todos os sectores implicados para que o resultado final sexa froito dun consenso.

3. Garantir a participación nas decisións das poboación locais.

4. Establecer medidas de compensación directa aos propietarios/as de terras no Parque polas restricións e limitacións de uso, previa inclusión dunha relación de persoas afectadas con expresión do parcelario con referencias catastrais, tipo/causas de afección, e cantidades económicas.

5. Favorecer, potenciar e promover alternativas e cambios de uso para aquelas actividades restrinxidas ou limitadas que resultaran incompatibles cos obxectivos de protección do Parque.

6. Fixar medidas concretas e cuantificábeis sobre a creación de emprego asociada ás labores de mellora, conservación e mantemento do Parque Natural e vinculadas co desenvolvemento sostíbel deste espazo.

7. Establecer na memoria económico-financeira un plan de financiamento acorde co programa comunitario de “Financiamento da Rede Natura 2000”,

8. Determinar un Mapa de Zonificación sobre dun parcelario con referencias catastrais na que aparezan claramente delimitadas cada unha das zonas de protección en que se divide o mesmo fixando o perímetro e límites concretos de cada unha das distintas zonas.

9. Incluír no plan reitor unha regulación normativa concreta e específica dos usos e actividades cotiáns e ordinarios cuxo desenvolvemento vai prohibir, autorizar ou permitir nas leiras e montes integradas no parque natural, coa que se garanta a seguridade xurídica en relación ás actuacións que poidan levar a cabo os/as propietarias das mesmas.

10. Coordinar o contido deste plan, con outros instrumentos de planificación que lle afectan.