O PP recoñece o abuso da Axencia Tributaria c@s emigrantes retornad@s
Tereixa Paz congratulase de que por fin o Partido popular acepte esixirlle á Axencia Tributaria a devolución das cantidades cobradas indebidamente
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe unha moción para que os emigrantes retornados acaden un trato igualitario na tributación das pensións.
Na súa intervención, a deputada lembrou que este colectivo foi perseguido pola Axencia tributaria mesmo en casos nos que a lei non obrigaba a tributación. Tal e o caso, explicou, das pensións procedentes de Alemaña antes do 2013 e daquelas persoas que padecen unha invalidez e cunha pensión recoñecida que estarían exentos de tributar.
Pola súa parte o portavoz do PP, Pedro Puy anunciou o seu voto favorable a dous dos puntos da moción nacionalista relativos ao recoñecemento da ilegalidade dos cobros efectuados tanto nas pensións de Alemaña como nas de invalidez e que obrigará a Axencia tributaria a devolver as cantidades cobradas. Sen embargo o portavoz popular manifestouse en contra de modificar a lei.
Na quenda de réplica, a autora da iniciativa nacionalista manifestou que o BNG non renuncia a seguir traballando ao lado das plataformas para acadar a modificación da lei co fin de que as pensión percibidas no estranxeiro teñan un trato fiscal idéntico ao do resto dos pensionistas do Estado español.
A deputada aproveitou para pedirlle ao partido popular que o apoio a estes dous puntos non consista unicamente en enviar unha carta a Madrid senón que exerza toda a presión política necesaria para iniciar sen dilación, a devolucións das cantidades cobradas indebidamente.