O PP opúxose á proposición do BNG que pedía un "auténtico programa de descontos na AP-9"

O PP por boca do seu deputado por Pontevedra, o Señor Martin, rexeitou esta mañá a proposición da deputada do BNG, Rosana Pérez, para que se negocie un “auténtico programa de descontos en toda a AP-9 e se paralicen os incrementos das peaxes para este ano 2013”.

Ademáis, o BNG pedía a exención de peaxes para os transportistas, e a revisión da política de peaxes para camiñar cara unha diminución dos custes.

“Un Convenio que só aplica a rebaixa a un tramo e que aumentará as tarifas no resto para compensar a AUDASA”

Nada disto foi aceitado polo PP. O Señor Martin non só defendeu o acordo entre o Ministerio de Fomento e AUDASA que se aprobou no Consello de Ministros do venres pasado, senón que incluso chegou a afirmar que “a AP-9 é unha das autoestradas máis baratas de España por quilómetro”.

A deputada do BNG replicou ao deputado do PP que “sorprende que un deputado por Pontevedra que coñece o prezo das peaxes da AP-9, entre Vigo e Pontevedra, veña a defender un Convenio con AUDASA que só aplica unha rebaixa a 30 quilómetros, e que haberá que compensar á concesionaria vía aumento das tarifas nos demáis tramos”. Rosana Pérez rexeitou a emenda do PP que “considerou ridícula porque só pedía facer seguimento do Convenio”. “O BNG seguirá a traballar para que AUDASA non sexa das concesionarias que máis beneficios obtén de todo o Estado”.

Unha autoestrada “inasumíbel para os usuarios”

Rosana Pérez lembrou que en marzo de 2011 a Comisión de Fomento aprobaba unha proposición do BNG que contou cos votos a favor do PP, para que se iniciasen as xestións ante AUDASA para que a AP-9 tivese un programa de descontos e se pedía que se buscasen fórmulas que non pasasen polo incremento das peaxes.

“Non só non se fixo nada, senón que incluso se aumentaron os custes das peaxes catro veces entre o 2012 e xaneiro de 2013, o que fai que o custe da AP-9 sexa inasumíbel, o que provocou o malestar dos usuarios, e por riba, ofrece un pésimo servizo”, sinalou Rosana Pérez.

A parlamentar do BNG puxo de manifesto que a AP-9 “é unha das autoestradas máis caras do Estado que non conta con programa de descontos, algo que unido á crise levou a unha importante reducción de usuarios pola autoestrada, e o incremento do tráfico da N-550 que se atopa nun lamentábel estado de conservación, cada vez máis conxestionada”.

Rosana Pérez aludiu ao recente acordo do Consello de Ministros do pasado venres 8 de febreiro. “A Ministra só amosou o seu dispór a rebaixar a peaxe no tramo entre Pontevedra e Vigo (Rande), que efectivamente ten o prezo máis alto. Temos que dicer que a negociación da Ministra con AUDASA foi totalmente decepcionante”:

Neste sentido, explicou aos membros da Comisión o “limitado acordo do Ministerio con AUDASA”, cheo de requisitos: limitan o desconto ao tramo mencionado e non a toda a AP-9, só se aplica a rebaixa se a viaxe de volta se fai no mesmo día e se se conta co dispositivo de telepeaxe. Exclúen ao transporte pesado, e non se aplica nen domingos nen festivos. Por se non fose pouco, haberá que compensar á concesionaria o que deixe de ingresar vía aumento do resto das peaxes”.

Finalmente, a deputada do BNG deixou claros os plantexamentos do BNG:

“Pedimos que se acorde un auténtico programa de descontos para toda a AP-9 a similitude do existente noutras autoestradas do Estado e que non implique a exixencia de criterio estrictos que impiden que a maioría dos usuarios se poidan acoller ás rebaixas”.

“Demandamos que se paralicen os incrementos de peaxes para este ano 2013, e estudar a exención das peaxes para aqueles usuarios cuxa actividade profesional está relacionada co transporte por estrada”.

“E pedimos que dado o actual contexto de grave crise económica e de perda de usuarios na AP-9, se revise a política de peaxes para camiñar na dirección de reducción dos custes das peaxes”.

 

http://youtu.be/_u3uSonKsZE