O PP non creará a comisión para seguir os acordos do leite de Madrid como reclama o BNG
A deputada do BNG, Tereixa Paz preguntou que razóns ten o Partido popular para impedir unha reunión con todos os axentes do sector e que a Xunta exerza as competencias que ten nesta materia.
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz lamentou hoxe, que unha vez máis o Partido popular rexeitara crear unha comisión para o seguimento dos acordos de Madrid sobre o sector lácteo.
Tras a intervención da popular, Isabel Pacín, a nacionalista asegurou que o PP confunde un Plan estratéxico cunha previsión de elaboración sine die, coas necesidades inmediatas e a curto prazo do sector lácteo é un erro imperdoable, manifestou. Si fose certo todo o que defendeu dende a tribuna, engadiu Tereixa Paz, sobre a intervención de Pacín, cál é o problema para crear a comisión de seguimento, que motivos ten o Partido popular para negarse a esta iniciativa e que sexamos unha comunidade autónoma con competencias nesta materia.
A Xunta de Galiza, dixo, pasa de exercer as competencias que ten para botarlle a culpa as cooperativas, organizacións de produtores, ou organizacións representativas do sector, con tal de non asumir responsabilidades e as súas competencias.
A deputada tamén preguntou que problema ten o Partido popular para reunirse co sector lácteo, cos representantes dos produtores, da Industria e distribución e falar de como, cando e onde se negocian os contratos, canto cobran os gandeiros e onde e a que prezo se vende o leite así como naqueles lugares onde é utilizado como produto reclamo.
A parlamentaria lamentou que a negativa do Partido popular impida crear un foro para debater todas estas cuestións e que Galiza, a través dos axentes do sector poida formular propostas para mellorar a cadea e para que os gandeiros conten cun prezo que remunere de maneira xusta a súa produción.
A parlamentaria rematou cualificando de dramático que o Partido popular vote en contra deste tipo de iniciativas porque retrata a un Goberno vergoñento como ese coche que estreou o Sr. Feijóo que vai sen condutor e teledirixido cara a Madrid.