É posible acabar coa malversación de fondos derivada do sobrecusto das obras públicas

O BNG propuxo na Cámara poñer fin aos habituais desfases entre o prezo de adxudicación do contrato dunha obra por parte da Consellería de Medio Ambiente e Territorio e o prezo que finalmente paga que, segundo o informe do Consello de Contas para os exercicios 2011-2011, supuxo un desvío de 50 millóns de euros, un 31% sobre o inicialmente orzamentado.

Este sobrecusto supón “unha malversación de fondos públicos”, como denunciou a deputada Ana Pontón durante a defensa da iniciativa parlamentaria do Bloque para modificar a actual lexislación “e non permitir modificados nin complementarios dos contratos de obra pública e servizos sempre e cando impliquen un valor superior ao 1% do importe de adxudicación”.

Pontón puxo como exemplo de desviación a autovía da Costa da Morte, inxustificable porque “subordina os intereses públicos aos intereses privados dunha empresa que, causalidade, é unha das que aparece na trama Gürtel”. A deputada criticou que o PP se limite a falar da xestión do bipartito: “deixen de mirar polo retrovisor porque seis anos despois o único que demostran é que o seu goberno non ten propostas nin solvencia”.

A iniciativa do Bloque tamén aposta pola contratación con procedementos abertos para ganar en transparencia, eliminar a práctica de fraccionar o obxecto dos contratos ou incluír entre os criterios de adxudicación cláusulas medioambientais e sociais, e ponderar a creación de emprego de calidade.