Pontón: "Temos un Goberno cego que practica o canibalismo coa Cultura galega"
Ana Pontón pide apoio para as artes escénicas "en caída libre" polas políticas do Partido popular
A parlamentaria preguntou ao Goberno que pensa facer ante o descenso do 49% de obras de teatro dende o ano 2009 e perda de 200.000 espectadores/as en catro anos
Pleno.- a parlamentaria do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta ao Goberno sobre a grave situación das artes escénicas en Galiza.
Pontón lembrou que o Observatorio da Cultura Galega vén de facer público un informe que reflicte as consecuencias e impacto dos recortes na cultura ao que sumou o incremento do IVE neste ámbito.Segundo o informe, dixo, das 2.994 obras de teatro representadas no ano 2009, pasamos a 1.495 en 2013 e de 549 mil espectadores e espectadoras a 355 mil, unha caída de 200.000 en catro anos.
No aspecto económico a recadación, engadiu, é semellante ao pasar de 3,2 millóns de euros no 2009 a 2,4 millóns de 2013. A vista dos datos, a deputada preguntou polas previsións da Xunta de Galiza para atender o sector das artes escénicas e apoiar o seu desenvolvemento.
Un Goberno cego que practica o canibalismo coa Cultura galega
Neses termos se referiu a deputada á política cultural do Partido popular que non repara en regalar o triple ao vídeo de Enrique Iglesias que aos festivais de artes e produción escénica.
Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez respondeu que a crise provoca que se reduzan as partidas para todos os sectores. A parlamentaria rexeitou a argumentación do titular de Cultura e achacou ás políticas do PP a asfixia de todo o relacionado coa cultura galega e nomeadamente coas artes escénicas, unha política,dixo, falsaria que non ten orixe na crise senón nas decisións do Goberno galego.
Sr. Conselleiro, concluíu, isto non é un problema de recursos, e de prioridades dun goberno, reiterou, cego e que practica o canibalismo coa nosa cultura.