Pontón tacha de Cosmopaletismo oceánico a política cultural da Xunta
A deputada do BNG, Ana POntón criticou a ausencia do CGAC na programación destinada a internacionalizar a Cultura galega
Tras a comparecencia do Secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo para informar das previsións para a promoción exterior da cultura galega, a deputada do BNG criticou a ausencia do CGAC no programa de internalización. Vostedes, tómanos por parvos e parvas dicindo que o Centro Galego de Arte Contemporáneo está a perder prestixio no ámbito internacional, só por esa afirmación, dixo, Pontón, vostede non merece ocupar o seu cargo. Para a deputada, a comparecencia de Lorenzo constata o descoñecemento da importancia dos centros dos que é responsábel.
Dicirnos que o proceso para a elección do novo directo do CGAC é transparente e conforme ao dereito cando despois de resolvelo se paraliza todo e fan unha nova proba que non aparecía inicialmente nas bases, é o colmo do esperpento e unha trapallada.
O PP concibe a cultura baixo o prisma do cosmopaletismo oceánico
Se o Centro Galego de de Arte Contemporáneo, como vostede dixo, non é unha peza básica na difusión e internalización da nosa cultura o que demostra a Xunta é o seu cosmopaletismo oceánico. A súa comparecencia, afirmou a deputada , é unha declaración de que non teñen ningún proxecto cultural e con políticas de desprezo aos elementos dinamizadores da nosa cultura.
Por outra parte, a deputada tamén subliñou que as exportación culturais galegas só alcanzaron no último ano a cifra de 4,2 millóns de euros e cunha tendencia descendente e criticou que a Xunta , a tenor destes datos, sega mantendo que a internalización é un éxito.
Hai que ter unha estratexia interna para exteriorizala
A parlamentaria considerou que a Xunta está a converter o CGAC nun elemento accesorio no panorama cultural galego cando tiña que ser unha peza fundamental, porque unha cultura moderna como a galega precisa dun centro que potencie as nosas creacións e sexa un elemento de internalización da cultura galega.
A deputada insistiu nos recortes do PP aos distintos sectores culturais baixo a escusa da austeridade. Neste sentido, lembrou que a Xunta oprime a cultura galega e máis aínda nun momento de crise no que debería ter un maior apoio.
Hai que ter unha estratexia interna para poder externalizala, e dificilmente se poderá facer cando no sector do libro no ano 2010 publicáronse en Galiza 4.754 e no 2013, 2.494 libros, pero se falamos da edición do libro en galego, no ano 2010, 2.544 títulos e no 2013, 1.426. A nós isto preocúpanos e sabemos que a vostede non porque xa declarou á lingua galega inimiga nº 1 concluíu.