Pontón pregunta ao Goberno que vai facer ante o descenso de usuari@s nos aeroportos galegos
A parlamentaria incidiu nos compromisos do Ministerio de Fomento sobre o impulso e dinamización da oferta de rutas e denunciou que non potencia o trafico de mercadorías
A deputada do BNG, Ana Pontón preguntou hoxe á Xunta pola situación e oferta de destinos dos aeroportos galegos e os compromisos do Ministerio sobre a dinamización da mencionada oferta.
Na súa intervención, Pontón salientou a tendencia descendente de pasaxeiros e mercadorías nos aeroportos galegos que a Xunta xustifica na crise económica sen embargo, explicou, Portugal tamén padece unha importante crise e o seu aeroporto de Oporto segue incrementando o número de usuarios e usuarias.
Nós entendemos, dixo, que a pesar de ser unha competencia do Estado, o Goberno galego gastou cartos públicos en informes que descoñecemos e que foi o propio presidente da Xunta quen declarou que os aeroportos galegos estaban vivindo unha situación difícil ademais de recoñecer o desleixo provocado por un deseño centralizador.
Son vostedes, remarcou a nacionalista, o único goberno que non quere asumir competencias e seguen esperando a que Madrid solucione o problema. Sobre a Mesa temos unha proposta dun plan presentado no 2013 pero o único que fixo o Ministerio foi crear unha comisión que non coordina nada e incumprir os acordos do Parlamento galego á iniciativa do BNG, sobre mapas de rutas, garantir conexión con aeroportos europeos ou dotar de unha conexión intermodal entre os tres aeroportos galegos.
Ano e medio máis tarde, o único que temos é un presidente que se pon de perfil ante os problemas.
Pola súa parte, a directora de Mobilidade, Elena de Lucas, reiterou que os aeroportos galegos son competencia estatal e confirmou que son deficitarios segundo reflicte o informe de AENA. De lucas utilizou o argumento da crise para xustificar a baixa afluencia de paxaseir@s nos últimos anos pero de xaneiro a outubro deste ano, explicou, incrementouse nun 4,7% e nos aeroportos de Vigo e Santiago a evolución é estable. A Directora de Mobilidade defendeu que a Xunta segue apostando polos aeroportos galegos así como a súa accesibilidade, e mellorar a conectividade e información.
Comité de Coordinación aeroportuaria inoperante
Na réplica, a nacionalista cualificou de florero o Comité de coordinación aeroportuaria e criticou o optimismo da directora de Mobilidade sobre a situación dos aeroportos galegos. Neste sentido, dixo que o aeroporto de Santiago descendeu un 0,2%, A Coruña incrementouno nun 22% grazas a a que o concello subvenciona con cartos públicos unha liña área, e Vigo tamén baixou un 0,2%. Estes datos constatan, afirmou, que os aeroportos galegos non soben como a media do Estado situada nun 4,6%.
Sobre as mercadorías os aeroportos da Coruña e Vigo están nunha situación preocupante, Vigo baixa o 8,3% e Coruña o 42,8%, polo tanto estes son datos que poñen de manifesto os problemas e debilidades dos aeroportos galegos.
A deputada animou ao Goberno a reclamar a transferencia dos aeroportos ante a situación de caos do sistema aeroportuario galego por carecer dun comité de rutas e política nesta materia . En Europa só España, Polonia e Turquía manteñen unha xestión aeroportuaria centralizada e dende o BNG seguimos pedindo que a Xunta non sexa palmeiras e palmeiros do Goberno central, concluíu.