Pontón:"A moción en Pontecesures é unha cacicada de Rueda, a súa carta de presentación na provincia"
A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o total apoio do BNG á alcaldesa de Pontecesures, Cecilia Tarela, en vésperas da moción de censura instigada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras ser elixido presidente do PP en Pontevedra.
A moción de censura en Pontecesures é unha cacicada do señor Rueda, a súa carta de presentación na provincia como presidente do PP en Pontevedra, el é o artífice dunha moción de censura para apartar do goberno a unha alcaldesa traballadora, honrada e decente, e impoñer os intereses do Partido Popular usando os vellos modos caciquís de sempre, denunciou Pontón, tras o encontro coa rexedora, que tamén contou coa presenza de Goretti Sanmartín e Noa Presas, da executiva nacional.
O Bloque considera que Rueda está a tempo de rectificar en aras da decencia política e da democracia. Reclamamos ao PP, e moi especialmente ao señor Rueda, que paren esta cacicada que pon os seus intereses por riba dos intereses dos veciños e veciñas de Pontecesures, ao tempo que lamentou a falta de escrúpulos do dirixente popular capaz de pasar por riba da decisión nas urnas da veciñanza.
No BNG entendemos que en política non vale todo, é necesario que haxa decencia e que haxa respecto polo que vota á cidadanía, subliñou a portavoz nacionalista, para quen o PP poderá ganar a moción de censura, pero a cambio de que perda Pontecesures, e de que perda unha alcaldesa honesta que está traballando en beneficio da maioría, que será substituído por un goberno ao servizo dunha minoría.
A actual rexedora, Cecilia Tarela, fixo un chamamento á veciñanza do concello para que exprese o seu rexeitamento a moción do PP. Convidamos a todos os veciños e veciñas a que veñan ao pleno do luns para deixar claro coa súa presenza que non están de acordo co que se vai consumar, concluíu.