Pontón lamenta que o PP prive ao Parlamento dun debate sobre o Valedor do Pobo
Benigno López xa non é o Valedor do Pobo engadiu- é o valedor do PP, que se converte, ademais, no único partido, valedor desta persoa.
Ana Pontón, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces -que se celebrou esta mañá antes de que o Valedor rexistrara a súa renuncia- asegurou que privar ao Parlamento deste debate é unha decisión errada e irresponsábel, que só contribúe a deteriorar aínda máis a imaxe da Institución.
O señor Benigno López está desautorizado para seguir ao frente do seu cargo
Para a voceira nacionalista, non é de recibo que o PP se sume a esta estratexia de deprestixio, pois na súa opinión a actitude do grupo conservador só se pode entender dende esa perspectiva, a de cuestionar esta figura.
Dimisión e diálogo
A parlamentar reiterou que se realmente houbera un interés por dignificar o papel que debe cumprir o Valedor se farían todos os esforzos para solucionar a crise sen precedentes que abriu Benigno López coas súas palabras e non só se levaría a pleno o debate senón que se esixiría a súa dimisión.
É evidente dixo- que o señor Benigno López está desautorizado para seguir ao frente do seu cargo, tanto do ponto de vista dos apoios que tivo para o seu nomeamento e que hoxe non se verifican, como polo número importante de persoas e entidades que demandan o seu cese, por non reunir os requisitos indispensábeis para o posto.
Ana Pontón explicou que privar á sociedade dun debate que esta demanda a través de numerosas voces é tamén perder a oportunidade non só de cesar ao actual Valedor, senón de abrir un diálogo para estudar o nome do posíbel sustituto e que non chegue o mes de Xullo, no que expira o mandato, e fique Benigno López en funcións.
Orde do día
Sobre os asuntos da orde do día que o BNG levará ao próximo pleno, Pontón salientou que lle preguntará a Feijóo pola situación do naval, pois advertiu de que se non se toman decisións urxentes se condenará o sector á desaparición.
A voceira do grupo nacionalista avanzou que esixirá ao presidente da Xunta que pase das promesas aos feitos, que tome nota da situación, cumpra os mandatos do Parlamento e consiga introducir na axenda do goberno do Estado este problema como unha prioridade.
A deixación de funcións que practica Feijóo neste caso e a súa pasividade o converten en cómplice do problema, denunciou.
A pasividade de Feijóo co Naval o converten en cómplice
Pontón asegurou que os problemas que sofre o sector teñen a ver con decisións políticas, por iso requiren de solucións políticas, mais o PP prefire mirar para o outro lado, lamentou, e votar en contra no Congreso das emendas presentadas polo BNG en defensa dos asteleiros galegos.
Medios Públicos e lingua
A orde do día complétase, entre outras iniciativas, cunha proposición non de lei para evitar a privatización dos centros dependentes da consellería de Benestar e con outra sobre o futuro dos medios públicos, para garantir que non se abre a porta á súa privatización e para denunciar a utilización partidista e manipulación que se dá nos mesmos.
A preocupación polo idioma, ante a lexislatura máis negra para o galego que se ten producido, o problema da fumigación de eucaliptos ou as políticas de discapacidade tamén son asuntos que abordará o BNG na sesión plenaria.
Demografía
Ana Pontón aproveitou a rolda de prensa para denuncia que a Comisión para a Revitalización Demográfica non emitiu ningún dictame, o que demostra que foi un enredo do PP para evitar as cuestións de fondo deste problema, mentres a Xunta anuncia unha Plan que, no colmo do esperpento, agora o PP nos di que é un documento base no que agora hai que facer aportacións.