Pontón: “ Feijóo fai un escrache e ameaza de morte á lingua galega no Sistema educativo”

A deputada defendeu unha moción para que o Goberno galego cumpra a lei de Normalización Lingüística garantindo o remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio e o alumnado acceda ao seu coñecemento oral e escrito, en igualdade co castelán

 Pleno.- A deputada do BNG, Ana Pontón considerou que no Parlamento galego está o presente e futuro da nosa lingua na actualidade, dixo, “ameazada de morte” e nun proceso de “substitución” polo que defendeu unha moción ao fin de garantir o remate dos ciclos no que o ensino do galego é obrigatorio e que o alumado acceda ao seu coñecemento oral e escrito en igualdade co castelán.

Para a deputada, a actual situación da lingua galega non é “normal nin natural” e o goberno en troques de loitar contra esta discriminación a incrementa e perpetua . Neste sentido, afirmou que Feijóo fai un “escrache” a lingua galega cunha ameaza de morte no sistema educativo, unha política, engadiu, que consideramos “infame” e que converte a quen a aplica en “desertores”.

Pontón lamentou o voto contrario do Partido popular anunciado polo portavoz, Agustín Bahamonde.

Cantas máis linguas mellor con especial protección do galego

Na defensa da moción, a deputada denunciou as manipulacións e prexuízos que utiliza o Partido popular contra o idioma galego e lembrou que o propio conselleiro de Educación afirmou, en sede parlamentaria que o TSXG avalara o Decreto do Plurilingüismo cando en realidade o alto tribunal “fixo todo o contrario”.

Asemade, criticou que o titular de Educación tamén culpabilizara ao profesorado do que pasa no sistema educativo e concretamente ao BNG de estar en contra da aprendizaxe doutras linguas, “falso” , enfatizou. Estamos a favor de coñecer cantas máis linguas mellor pero imos responder sempre que se ataque á lingua galega con argumentos torticeiros coma este.

A situación vai a peor

Segundo estudos elaborados por profesorado universitario, Consello da Cultura galega e IGE, explicou, o “incumprimento da regulación do galego no ámbito do ensino e dos mínimos legais estabelecidos, antes de que vostedes chegaran” é evidente. Sabemos que para ao Partido popular o que lles digo non ten ningún valor porque seguen de “maneira teimuda” a súa particular cruzada contra o idioma galego.

A nacionalista instou á Xunta a cumprir o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística no que atinxe a garantía, por parte das autoridades educativas de Galiza no ensino infantil cunha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos), na educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes, fixar un terzo do horario semanal en galego para os contornos nos que a lingua predominante sexa o castelán,fomentar a lectura e escritura en galego, e no ensino obrigatorio garantir que o alumnado reciba o 50% en idioma galego fomentándoo nas materias troncais como as matemáticas.

Finalmente tamén reclamou a docencia en galego nun 50% na educación secundaría ao igual que nos bacharelatos e ciclos formativos.A deputada lamentou o voto en contra do Partido popular á moción nacionalista.