Pontón, cos traballadores e traballadoras que sofren a precariedade da externalización de Frigolouro
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou na manifestación celebrada no Porriño para denunciar a situación de precariedade e explotación laboral que sofren os traballadores e traballadoras que Frigolouro ten externalizados a través da cooperativa Servicarne, que presta servizo en exclusiva a factoría cárnica do Grupo Coren.
Pontón mantivo un encontro cunha representación dos afectados e das afectadas por unha situación de absoluta precariedade laboral, sen horarios nin salario mínimo fixo, sen dereito a vacacións, sen prestación algunha en causa de baixa ou accidente de traballo, obrigados a pagar as cotas de autónomos mesmo no en caso en que, por razóns de produción, non reciban remuneración.
É un exemplo dramático de absoluta precariedade consecuencia da reforma laboral do PP que, como vemos no caso de Servicarne, legaliza unhas relacións de traballo inxustas e insoportables que supoñen unha auténtica explotación, denunciou a dirixente nacionalista.
A tamén deputada avanzou que o Parlamento galego abordará este mesmo venres a situación das 224 persoas que traballan para Frigolouro desde Servicarne, a través dunha iniciativa do BNG que será debatida na Comisión de Sanidade, para que a Xunta explique que medidas vai adoptar neste conflito laboral.
En concreto, o Bloque quere que o goberno galego explique se ten aportado axudas públicas a unha empresa que, como Frigolouro, practica a externalización de persoal en condicións de explotación laboral, por que non intervén a inspección laboral nun conflito que xa se traduciu en cinco despedimentos, onde a protesta se penaliza con multas de ata 300 e no que o cadro de persoal está en folga indefinida desde o 18 de marzo.