Pombo e Adán expresan o apoio do BNG ás movilizacións das Universidades galegas
O grupo parlamentario do BNG reuniuse esta mañá coa Coordinadora Galega en defensa da Universidade Pública.
Na rolda de conversas iniciada polo BNG con diferentes entidades e asociacións vinculadas á Universidade pública galega ao fin de recoller as propostas contra o Proxecto de lei do Sistema Universitario presentado polo Goberno galego, o portavoz de Educación, Cosme Pombo e a parlamentaria Carme Adán mantiveron hoxe unha xuntanza coa Coordinadora Galega en defensa da Universidade Pública.
As organizacións representadas na Coordinadora: Organizacións sindicais, Persoal Docente e Investigador, Persoal de Administración e Servizos e estudantado da Universidade, trasladaron ao Grupo parlamentario do BNG a súa preocupación polos graves recortes de financiamento nas Universidades Galegas.
Máis despedimentos e recortes na Universidade galega
Os representantes da coordinadora denunciaron que os recortes provocarán despedimentos de persoal docente, investigador ou de administración e servizos influíndo moi negativamente sobre a calidade do traballo formativo e investigador da propia Universidade.
Asemade, lamentaron que os recortes referidos figuren nos Orzamentos 2013 que serán aprobados o vindeiro martes día 26 no Parlamento galego.
A Coordinadora Galega en defensa da Universidade Pública trasladou ao G.P. do BNG as súas reivindicacións e pediu apoio para as iniciativas de mellora do financiamento das Universidades e as mobilizacións programadas, respaldo que Cosme Pombo e Carme Adán confirmaron no seu nome e no do Bloque Nacionalista Galego.
O BNG rexeita o Proxecto de Lei do Sistema Universitario Galego que defende o Partido popular
Pola súa parte, Pombo e Adán explicaron as emendas presentas ao Proxecto de Lei de orzamentos para garantir un financiamento do Sistema Universitario Galego que manteña a calidade, o esforzo investigador e a garantía de acceso para a maioría das Galegas e Galegos .
O BNG coincidiu coa Coordinadora na necesidade de denunciar a perda de Financiamento das Universidades, medida que repercutirá moi negativamente nos salarios dos funcionarios, contratados e laborais así como nas condicións sociolaborais e o acceso á universidade da clase traballadora.
Perda de autonomía universitaria ao impedir estruturar o persoal conforme ás necesidades da formación e investigación das Universidades e tamén perda capacidade de autoorganización por mor dos retallamentos impostos pola Xunta.
Os deputados do BNG tamén denunciaron o que consideraron perda de respecto ás universidades por parte da Xunta de Galiza ao aplicar medidas contra o Sistema Universitario público galego.
Finalmente, os deputados expuxeron o posicionamento do BNG diante da tramitación do Proxecto de Lei do Sistema Universitario Galego e do Proxecto de Lei de Investigación e Innovación de Galiza.