Paz acusa a Medio Rural de "engordar" ás empresas de medios aéreos contra incendios
A deputada do BNG, Tereixa Paz interpelou á conselleira Rosa Quíntana sobre a contratación dos medios aéreos para o dispositivo contra os incendios forestais. A día de hoxe, dixo, descoñecemos a estratexia e dispositivo da consellería para loitar contra os incendios
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz interpelou hoxe á conselleira do Medio Rural sobre a contratación de medios aéreos contra os incendios, única medida, dixo, a pesar de estar ne mes xuño considerado xa de risco de lumes
A deputada aludiu a un recente anuncio da Consellería de Medio rural sobre esta contratación para as campañas contra os incendios forestais 2015, 2016 e 2017 por un valor de 3 millóns de euros e lembrou que as prácticas da Consellería en relación coa contratación de medios aéreos foi cuestionada polo informe do Consello de Contas nos exercicios 2010 e 2011 polo que preguntou se foron tidas en conta as consideracións do Consello de Contas á hora de elaborar os pregos e cláusulas deste novo proceso de contratación e que necesidades concretas serán cubertas.
É unha sangría de recursos públicos, máis de 9 millóns de euros que acaban nos petos de Inaer e Natuctenia para cumprir cunha parte moi pequena do dispositivo de loita contra incendios forestais. A día de hoxe,dixo, a deputada, descoñecemos a estratexia da consellería para loitar contra os incendios igual que os concellos que descoñecen con que medios van contar este ano. Son vostedes uns irresponsables na planificación e utilización dos recursos.
Por outra parte, a deputada preguntou porqué Medio Rural sempre fai unha chapuza nos pregos para que se teñan que prorrogar os contratos con Inaer?.
Pola súa parte, a titular de Medio Rural, Rosa Quintana respondeu que a consellería tenta sempre actuar con respecto á lei e con transparencia porque estamos a falar de cartos públicos e por iso estremamos a pulcritude na xestión. Sobre a contratación explicou que vai en relación aos incendios que se producen nunha complexa orografía, como a galega, polo que é necesario contar cunha rede de medios de distintos tipos orientados cada un a un tipo de misión e servizo diferentes.
Na quenda de réplica, a nacionalista rexeitou o modelo do PP de loita contra os incendios forestais e reiterou as súas preguntas sobre a prorroga dos concursos con Inaer, das que dixo, vostedes utilizan as prorrogas de maneira fraudulenta para que Inaer sega levando o grande pastel, concluíu.