"Partillamos moitas das demandas do 15-M"
A portavoz do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, valorou hoxe as mobilizacións do 15 M consciente da importancia de que existan vías de participación social que poñan de manifesto que esta é a crise dun modelo económico ante a que cómpre un xiro radical nas políticas para facerlle fronte.
Ana Pontón, a preguntas dos xornalistas logo da reunión da Xunta de Portavoces, explicou que o BNG segue con interese as manifestacións deste movimento, de feito moitos militantes nacionalistas participan nas mesmas, pois compartimos boa parte das súas reivindicacións.
O 15 M dixo- expresa a indignación de milleiros de persoas ante a crise, ante a que reclaman un cambio, pois as alternativas que puxeron enriba da mesa antes o PSOE e agora o PP non traen consigo ningunha solución.
Moitos militantes do BNG participan nas manifestacións do 15-M, salienta Ana Pontón
Para a parlamentar, a efervescencia de movimentos e plataformas, a contestación social que hai na rúa, a través do 15 M, da plataforma en defensa da sanidade, do ensino, manifestacións do naval, etc demostran que ou se mudan as políticas ou se afoga o País, mais considerou que ese descontento ten que canalizarse politicamente para poder realmente cambiar as cousas.