Paro rexistrado de outubro: as políticas de recorte do PP arrasan co mercado laboral en Galiza
Unha vez máis, por desgraza, a realidade do mercado laboral desminte a propaganda oficial da Xunta e do Goberno central en torno a unha suposta recuperación económica, e os datos do paro rexistrado amosan que en Galiza aumenta o desemprego, pese a emigración masiva da xente nova, así como unha drástica caída na cifra de afiliados na Seguridade Social, salienta o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, tras a difusión dos datos de paro rexistrado do mes de outubro.
Datos que indican que en Galiza aumentou o número de persoas rexistradas como paradas nas oficinas de desemprego en 7.492, nada menos que a un ritmo de 241 persoas diarias engrosaron as filas do paro, ata situar a cifra total en 268.255. Para completar a dramática radiografía do mercado laboral, o número de afiliados á Seguridade Social cae en 4.524 cotizantes. Desde que Feijóo chegou ao goberno da Xunta en 2009, Galiza sufriu unha caída de 110.000 persoas na afiliación a Seguridade Social.
As políticas de recorte do PP que Feijóo aplica en Galiza son unha eficiente máquina de fabricar parados e paradas, favorece a emigración masiva sobre todo da xente nova, e provoca un deterioro continuado do mercado laboral. A solvencia de Galiza en termos de emprego está en bancarrota, sen que se vexa un cambio de rumbo nas políticas austericidas da Xunta pese aos seus catastróficos resultados en termos de emprego, indicou Vence.
O BNG tamén advirte que, en contra do discurso habitual do goberno galego, os datos de paro rexistrado no último ano amosan un peor comportamento en Galiza que no conxunto do Estado.