Parabéns do BNG a Pontevedra polo premio da ONU que recoñece un modelo de goberno para as persoas
O BNG parabeniza ao Concello de Pontevedra que ven de recibir o Premio Dubai 2014 ás mellores prácticas para mellorar as condicións de vida que concede a ONU, un novo e singular recoñecemento ao modelo urbano pensado nas persoas, resultado dunha forma de gobernar a favor da cidadanía que ven practicando a equipa que lidera o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen atribuíu o premio ao traballo colectivo de toda a cidadanía de Pontevedra.
Paradigma do que o Bloque quere para os concellos do país, Pontevedra representa esa maneira de gobernar por e para as persoas que impulsa o BNG desde os municipios, con transparencia e honestidade, apostando polo desenvolvemento local, pola creación de emprego, pola integración social con políticas para os máis desprotexidos e por un modelo urbano á medida das persoas.
Este galardón, o derradeiro dunha longa lista de recoñecementos recibidos nos últimos anos, supón tamén colocar a Pontevedra como referente internacional nas políticas de accesibilidade e mobilidade, de seguridade vial, na loita contra a contaminación e, en definitiva, na socialización dos espazos públicos que da como resultado unha cidade compacta e integradora onde os veciños e veciñas son os que mandan na rúa.
Concellos con xestión eficaz e transparente, con calidade de vida, participativos, solidarios, -como Tomiño que acaba de recibir o Premio Unicef en recoñecemento ás políticas municipais a favor da infancia-, nos que se goberna para a maioría social. É o modelo que o BNG desenvolve a través dos seus gobernos municipais e que aspira a estender por todo o país.